EDUCACIÓN

Contacontos e talleres de ilustración e de escrita creativa para os nenos composteláns

01/04/2005 No acto de inauguración da V Campaña de Animación á Lectura "Palabras no bosque" estiveron presentes representantes da Editorial Kalandraka, a Concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos e o xerente de Sargadelos, José Luís Vázquez Montero.

O venres 1 de abril deu comezo a Campaña de animación á lectura "Palabras no Bosque". Nenos e nenas de 1º e 2º de educación primaria do CEIP Cardenal Quiroga Palacios estiveron na primeira sesión de contacontos desta campaña, que tivo lugar ás 11 da mañá na Galería Sargadelos.

Nesa mesma mañá, os nenos do CEIP López Ferreiro e do Colexio Compañía de María participaron nun taller de escrita creativa e nun taller de ilustración.

Durante os vindeiros días 4, 6, 8, 18, 20 e 22 de abril haberá un taller de ilustración a cargo de Kiko da Silva para nenos de entre 8 e 9 anos, e esos mesmos días rapaces de 10 e 11 anos acudirán a un taller de escrita creativa con Xosé Ballesteros.

Ademais, ata o 30 de abril, data da clausura da campaña, cativos de educación infantil e primaria acudirán ás sesións de contacontos que terán lugar ás 10, 11 e 12 horas da mañá e ás 15.45 horas da tarde. Os nenos de educación infantil, terán sesións especiais de traballo todos os venres.

Compartir: