Lunes 24 de febrero 2014
Axenda
Exposición fotográfica "Santiago-Kumano, rutas de peregrinación Patrimonio da Humanidade"
As 44 fotografías dos arquivos de Turismo de Santiago e do Tanabe City Kumano Tourism Bureau amosan os puntos comúns destas dúas peregrinacións milenarias.
Do 30 de outubro de 2013 ao 11 de abril de 2014, no Museo das Peregrinacións e de Santiago.
Axenda
Exposición sobre o centenario das escolas oficiais de idiomas
Con motivo do centenario da existencia das escolas oficiais de idiomas, a EOI de Santiago de Compostela, xunto coa Asociación de Profesorado de EOI de Galicia (APEOIGA), programaron a chegada a Galicia da exposición conmemorativa, que leva percorrendo a xeografía española dende o ano 2011. A mostra ficará en Compostela ata o 6 de marzo, antes de continuar o seu periplo por outras vilas e cidades galegas.
A exposición divídese en dúas partes. A primeira, que se exhibe na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, leva por título Cen anos a che dar a palabra e fai unha viaxe pola historia das EOI, dende a creación da Escuela Central de Idiomas de Madrid, no ano 1911, ata a actualidade. Nela faise un percorrido gráfico e histórico polos 100 anos destas institucións educativas e os seus protagonistas principais, alumnado e profesorado, e expóñense documentos administrativos e bibliográficos que fan parte do seu devir.
A segunda parte, denominada O noso son as linguas, que conta tamén cunha parte interactiva e audiovisual, exponse no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche e presenta un percorrido por todas as linguas que se ensinan e aprenden nas escolas oficiais de idiomas do Estado, con paneis explicativos individualizados por cada unha delas.
Ata o 6 de marzo no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche e na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela.
Axenda
"Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre"
Exponse na Fundación Novacaixagalicia Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre, un proxecto no que colaboran o Concello de Santiago, a familia de Carlos Maside e a devandita Fundación. A través de 31 obras de diversas temáticas, e realizadas con diferentes técnicas que van dende o óleo ata a acuarela, pasando pola tinta china sobre pergameo, o proxecto expositivo presenta un percorrido pola obra e vida deste artista de traxectoria singular que se converteu no principal referente ideolóxico da xeración dos renovadores.
Ata o 31 agosto de 2015, en horario de luns a domingo de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, no Centro Cultural da Fundación Novacaixagalicia.
Axenda
"Contos do vento acatarrado" cos Monicreques de Kukas
Espectáculo dirixido ao publico infantil e familiar e que dunha maneira sinxela e divertida achega ó espectador temas de interese social como o pacifismo, a ecoloxía e o respecto polo entorno natural, a solidariedade e o valor da amizade.
O domingo 23 de febreiro, ás 18:00 horas, na Sala Agustín Magán (Centro Sociocultural de Santa Marta.
Funcións didácticas o luns 24 e o martes 25, ás 10:30 e ás 12:00 horas.