Sábado 4 de mayo 2013

Axenda

Exposición sobre a Real Sociedade Económica de Amigos do País e a Exposición de 1858

A mostra A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela e a Exposición de 1858 quere lembrar a importancia da Sociedade Económica de Santiago na dinamización e modernización da cidade e da comarca, en especial no século XIX, con iniciativas que fomentaron a e reactivaron sectores primordiais como a agricultura, a gandería, a industria, a pesca, a administración e a cultura.

Na Casa do Cabido (praza de Praterías).
De martes a sábados: 10:00 a 14:00 / 16:00 a 20:00 h (Verán: 17:00 a 21:00 h). Domingos, de 11:00 a 14:00. Luns pechado.
Entrada libre.

Axenda

Exposición fotográfica do último certame MúsicaXove

Como unha das actividades de promoción para os grupos participantes no Certame MúsicaXove, que cada ano programa a Concellería de Xuventude, realízase unha exposición composta por 32 fotografías e imaxes representativas do concurso. As fotos tomáronse durante o concerto das finais, celebrado o 20 de decembro do 2012 na Sala Capitol, e foron realizadas polo fotógrafo Andrés Fraga. Neste concerto participaron os sete grupos finalistas.

Ata o 20 de maio, no Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche.

Axenda

"Detenido (Al pie de la loma)", de Christian García Bello, na Zona C

Exposición Detenido (Al pie de la loma), de Christian García Bello, baseada no poemario En las orillas del Sar, de Rosalia de Castro. Comisariada por Candela Rajal, conta coa colaboración do Master de Arte Museoloxía e Crítica Contemporáneas da USC.

Ata o 29 de setembro, na Zona C (San Domingos de Bonaval).

Máis información: Compostela Capital Cultural

Axenda

Feira do Libro na Alameda

XXXII edición da Feira do Libro de Santiago de Compostela. Durante dez días, a Alameda acolle ata 36 actos que promoven a difusión da actividade do sector editorial, incentivan o consumo cultural e fomentan a lectura entre toda a cidadanía.

Dentro da programación da Feira destacan as actividades dedicadas a Roberto Vidal Bolaño, co gallo do Día das Letras Galegas 2013, e a Rosalía de Castro, nun ano no que se conmemora o 150º aniversario da súa obra máis recoñecida, Cantares Gallegos. Respecto ao dramaturgo santiagués, o domingo 28 presentaranse as obras completas publicadas por Edicións Positivas. Do mesmo xeito, o martes 30 terá lugar a presentación do libro e audiovisual Un chapeu negro e un nariz de paiaso. Tras os pasos de Roberto Vidal Bolaño, con textos de Montse Penas Presas e imaxes e son de Gonzalo Enríquez Veloso, publicado por Editorial Galaxia. Asemade, o domingo 5, Urdime Teatro presentará Vida e obra de Roberto Vidal Bolaño, coa actuación de Laura Ponte e Roi Vidal Ponte.

Nos actos relativos á escritora de Padrón, o sábado 4, a Agrupación Cultural Medulio de Ferrol presentará o espectáculo O mundo segundo Rosalía, representación de poemas e textos da autora galega. O derradeiro día da Feira, producirase tamén un encontro literario sobre Rosalía de Castro, realizado pola Asociación Cultural O Galo, coa celebración do coloquio Rosalía de Castro: nos 150 anos de Cantares Gallegos, coa participación de Katlheen March, Helena Villar Janeiro e Pilar García Negro, que presentará neste acto o libro Cantares Gallegos hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, publicado por Alvarellos Editora.

Do 27 de abril ao 5 de maio, no paseo central da Alameda.

Axenda

"A Berenguela", mostra visual no Museo das Peregrinacións

A nova sede do Museo das Peregrinacións e de Santiago (praza de Praterías) acolle a exposición A Berenguela, unha mostra visual sobre a Torre do Reloxo da Catedral de Santiago, unha das obras cume do barroco e que foi recentemente restaurada.

O Consorcio de Santiago abre esta exposición en colaboración con Teófilo Comunicación. Precisamente, aproveitando a restauración da Torre, o fotógrafo da empresa de comunicación Alberte Peiteavel, realizou unha extensa reportaxe fotográfica que permitiu descubrir detalles arquitectónicos que habitualmente pasan desapercibidos ao ollo do viandante.

A exposición componse dunha selección destas fotografías acompañadas de textos explicativos e elementos audiovisuais.

No Museo das Peregrinacións e de Santiago.

Axenda

Villa Puccini, relato nun acto para actriz e soprano

Sobre un escenario, entre focos e bambalinas en Torre del Lago (Italia), a cantante de ópera deambula entre o seu pasado, o seu presente e o seu futuro inmediato. María Luisa Merlo encarna a esta gran diva na véspera do seu último concerto. Na soidade do escenario, rememora os momentos artísticos e vitais da súa carreira. Os seus rivais, o seu marido, o seu fillo, a súa outra metade– o seu representante -, e tamén, o mismísimo Puccini a quen renderá homenaxe serán quenes definan a traxectoria da diva.

O sábado 4 de maio, ás 21:00 horas, no Teatro Principal.

Máis información: Compostela Capital Cultural

Compartir: