FESTAS

As Festas do Apóstolo arrancan este venres con actuacións e propostas para todos os públicos

16/07/2012 As propostas culturais e de lecer están pensadas para que todos os composteláns teñan á man a opción que máis satisfaga os seus intereses e gustos. O programa definitivo foi presentado polo concelleiro Francisco Noya cunha antelación de case unha semana sobre o comezo das Festas.

O concelleiro de Festas, Francisco Javier Noya, foi o encargado de presentar a programación dos eventos e propostas culturais de lecer que terán lugar en Santiago de Compostela do 20 o 31 de xullo con motivo das Festas do Apóstolo.

Tal e como sinalou Noya, a programación está pensada para que todos e cada un dos composteláns e visitantes na cidade ó longo destas xornadas festivas teñan unha opción cultural adaptada aos seus gustos e intereses.

Así, o concelleiro de Festas incidiu na aposta decidida do Concello de Santiago en traer á cidade unha programación variada e de calidade, que coloque á capital galega na primeira liña das citas musicais internacionais do verán.
O arranque das Festas do Apóstolo 2012 terá lugar o vindeiro venres 20, coa lectura do pregón a cargo de Moncho Fernández, compostelán e adestrador do Obradoiro CAB e co posterior concerto de Milladoiro ás 23:30 horas na Praza da Quintana, con entrada libre.

As propostas musicais de acceso gratuíto na Praza da Quintana seguen o sábado 21 coa actuación da Real Filharmonía de Galicia ás 21.30 horas; o concerto de Vanessa Martín e Giorgina, o luns 23 ás 22.30 horas na Praza da Quintana; Coti e Robert Ramírez o martes 24 ás 00:30 horas e Luar na Lubre o martes 31 ás 23:30 horas. Ademais, o 25 e 29 celebrarase o Compostela Rock ás 13.00 horas na Zona C do parque de Bonaval, tamén de acceso gratuíto e coas actuacións de, entre outros, Novedades Carminha, Los Chavales e DJ Crebinsky.

Tom Jones e Calle 13
Tom Jones trae a Santiago os temas do seu último disco e os seus clásicos, no marco dunha xira que ata agora ten a cita compostelá como a única confirmada en España. Poranse 3.000 entradas á venda, ao prezo de 35 euros as cadeiras e 25 euros de pé ou na grada. Neste sentido, o concelleiro e o promotor destacaron o custo asequible das entradas en relación co que soe ser o prezo habitual para un concerto do galés.

O mércores 25, tamén na Quintana, vez para Calle 13, que chegan a Santiago coa súa xira "Entren los que quieran". O prezo das entradas é de 25 euros.

Ademais, este ano, os hostaleiros da Quintana súmanse á celebración das Festas colaborando en dous concertos baixo a denominación "Quintana de vivos". O gaiteiro Xosé Manuel Budiño, o venres 27, e oito Djs do colectivo Ibiza Music, o luns 30, serán os protagonistas destas dúas actuacións na praza da Quintana.

Propostas para os máis pequenos
Os máis pequenos tamén terán opcións de desfrutar das Festas do Apóstolo coas actividades previstas o venres 27 dende as 18.00 no recinto do Campus Vida, con obradoiros de reciclaxe, xoiería con sementes, merenda e inchable. Ademais, ó longo do sábado 21 celebrarase en colaboración coa Cidade da Cultura o festival ‘Cidade en Movemento’, con exhibicións, teatro, xogos e obradoiros para gozar en familia da cultura urbana do skate, BMX, graffiti ou surf mecánico. Ese mesmo día, os amantes do ciclismo están de noraboa, xa que está previsto que se celebre o Campionato Galego de Fondo en Carretera,, dende ás 15.00 horas e coa saída dende a Avenida de Juan Carlos I.

Documentos relacionados



Compartir: