CABALGATA

Os Reis Magos repartiron ilusións e caramelos entre os nenos e nenas de Santiago

05/01/2013 A tradicional Cabalgata de Reis congregou nas rúas compostelás primeiro e logo no Obradoiro a milleiros de nenos e nenas, desexosos de ver as Súas Maxestades para expresarlle as súas peticións en forma de agasallos. Ao seu paso polas ateigadas rúas da cidade, os Reis Magos repartiron ilusións e 3.500 quilos de caramelos sen glute.

Gaspar, Melchor e Baltasar chegaron un ano máis a Santiago en tren. Na estación foron recibidos polo Carteiro Real e por algúns nenos e nenas que quixeron ser os primeiros en velos. As Súas Maxestades emprenderon os seus primeiros pasos en Compostela ao ritmo das notas da Banda Municipal de Música.

Logo do recibimento, os Reis Magos realizaron o seu multitudinario percorrido polas rúas compostelás, pasando por Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, praza Roxa, República do Salvador, Hórreo, praza de Galicia, Senra, Porta Faxeira, rúa do Vilar, Xelmírez e Praterías, para rematar na praza do Obradoiro. Chegaron nas súas espectaculares carrozas acompañados dunha ampla comitiva, composta por escuadróns a cabalos, heraldos, a Banda de Cornetas e Tambores de Santiago, outras tres carrozas e dous trens con nenos e nenas.

Xa na praza do Obradoiro, Melchor, Gaspar e Baltasar foron recibidos polo alcalde, Ángel Currás, e a Corporación. Dende os balcóns de Raxoi, saudaron os rapaces, para logo recibilos, un a un, no salón vermello. Mentres agardaban para formularlle as súas peticións aos Reis Magos, os nenos e nenas puideron presenciar o espectáculo de Mamá Cabra Xa me tardan estes Magos.

Direcciones relacionadas



Compartir: