BENESTAR SOCIAL

Máis de 300 nenos e nenas recibirán 1.600 xoguetes grazas á solidariedade de cidadáns e entidades de Compostela

02/01/2013 A campaña Compar-T un xoguete, posta en marcha polo Equipo de Dinamización Social do programa Urbana Santiago Norte en colaboración coa Cruz Vermella de Santiago, permitirá repartir, ao longo da xornada do xoves 3 de xaneiro 1.612 xoguetes, grazas á colaboración desinteresada de particulares e diferentes entidades. A concelleira de Benestar Social en funcións, María Castelao, fixo balance desta iniciativa.

Os regalos doados, máis do dobre que na pasada edición da campaña, serán repartidos entre 330 nenos e nenas de 130 familias da zona do Urbana Santiago Norte, que se beneficiarán da xenerosidade e solidariedade dos composteláns. Os agasallos serán entregados aos pais e nais que previamente o solicitaran na Casa das Asociacións de Benestar Social (CABES). Segundo explicou a concelleira María Castelao, os agasallos repartiranse en función dos perfís de cada rapaz e das peticións feitas polas propias familias.

O Equipo Urbana veu recollendo ata o 21 de decembro xoguetes novos ou usados en bo estado, para que os nenos e nenas das familias cunha situación económica máis deprimida, poidan sorrir e vivir as datas do Nadal igual que o farán outros/as nenos/as cunha situación máis favorable. Entre as entidades que participaron, e ás que o Equipo de Dinamización do USN agradece a súa colaboración figuran, ademais de Cruz Vermella, Red Madre de Cáritas, Escola Infantil de Tras Parlamento, Gardería Cativos, CEIP Quiroga Palacios e, moi especialmente, os centros comerciais Leroy Merlín e Alcampo de Santiago. O agradecemento faise extensivo a moitos outros cidadáns de Santiago que colaboraron a modo particular solicitando a recollida dos seus xoguetes no seu domicilio ou achegándose a Casa das Asociacións de Benestar Social.

Esta iniciativa está incluída na medida denominada Programas de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión, no marco do proxecto Urbana Santiago Norte, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Documentos relacionados



Compartir: