CENTROS SOCIOCULTURAIS

Os paxes reais comezan as súas visitas aos centros socioculturais

17/12/2012 A Concellería de Centros Socioculturais informa do comezo das visitas dos paxes reais aos centros e locais socioculturais. Dende o martes 18 ata o 4 de xaneiro, os delegados dos Reis Magos recollerán as cartas dos máis pequenos.

As visitas comezarán o martes 18 en Marantes e seguirán os días 20, 21, 22 e 26 en Vite, Cardeal Quiroga, Conxo e Nemenzo, respectivamente. O día 27, os paxes reais pasarán polos centros da Rocha, Vidán e Casa Agraria, mentres que o 28 será a vez para os do Ensanche, Castiñeiriño e Bando.

Os encontros intensificaranse o 29 de decembro, con visitas a Verdía, Aríns, San Lourenzo e Marrozos. O 2 de xaneiro, os paxes estarán en Bornais, A Trisca, Amio, Laraño e Villestro. Ao día seguinte recollerán as cartas nas Fontiñas, As Cancelas e A Peregrina. Finalmente, o 4 de xaneiro, están programadas visitas en Busto, A Gracia, Figueiras, Sar, Pontepedriña e Casco Histórico.

Exposición de Alfredo Soto en Vite
Por outra parte, do 17 ao 30 de decembro, o Centro Sociocultural José Saramago de Vite acollerá a exposición Un século de retratos da vida social de Compostela, de Alfredo Soto. A mostra, que xa estivera no CSC do Ensanche, recala agora no barrio de Vite, reflectindo a evolución da cidade a través das persoas que nela habitan.

Actuacións musicais en Vite e Fontiñas
Tamén no CSC de Vite, o xoves 20 de novembro, ás 20:00 horas, ofrecerá un concerto o grupo Aerosoul. Será unha viaxe musical pola historia da música pop destinada a un público familiar.

Nesa mesma xornada, no CSC de Fontiñas, tamén ás 20:00 horas, concerto da Asociación Coral Pontemantible, de Guadalupe. Interpretará o seguinte programa: Iste confessor (A.Scarlatti), Bernaldino e Sabeliña (romance anónimo), Eu teño un canciño (cantar de cego de Lugo), Cancâo alentejana (M. Faria), Ai, linda amiga (anónimo S. XVI), Baila nena (canción popular galega), Meu neniño é pequeniño (canto de berce), Torrevieja (Habanera de Ricardo Lafuente), Dindirindin (anónimo S. XVI), Canción al Niño Jesús (Brahms, arranxos: Nemesio García Carril), Vinde picariñas (popular) e Noite de paz (Franz Gruber).

Documentos relacionados



Compartir: