Aquí pode consultar diariamente as previsións informativas da Corporación Municipal (comparecencias, roldas de prensa...)

Previsións informativas para o domingo 22 de setembro

A partir das 10.00 h
Na Alameda, dentro da Semana Europea da Mobilidade, xornada dedicada á bicicleta, con xincana e xogos para nenos/as e unha demostración de bicicletas. Ás 11.00 h haberá unha batucada e, ás 12.00 h, arrincará a pedalada pola cidade, con dous percorridos, un de 4 e outro de 7 quilómetros, para que toda a veciñanza poida participar. A xornada pecharase co sorteo e entrega de agasallos aos/ás participantes ás 13.30 h.

FICRURAL 2019
9.30 h. Con motivo da celebración do Día Mundial Sen Coches, roteiro guiado e de balde "Coñece o rural de Compostela " para ir a pé ata o acto inaugural no CSC A Gracia (ver info de percorrido e horarios na web www.ficrural.gal).
NOTA: en caso de chuvia, haberá un bus que sairá ás 11.00 h dende o aparcadoiro da Fundación Laboral para a Construción, (Rúa da Pontepedriña de Arriba, 13) ata o CSC da Gracia.
11.30 h. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o deputado de Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luis Penas, asisten ao acto inaugural do FICRURAL 2019, que terá lugar no Centro Sociocultural A Gracia, con sesión de narración oral a cargo de María da Pontragha, e a lectura do manifesto "A España baleira" por parte dun membro da Red de Periodistas Rurales de España.
12:00 h. A continuación acción colectiva: "Campás de Compostela" co toque simultáneo de todas as campás de Compostela, coordinado por Moisés Quintas, nunha acción reivindicativa a chamar a atención sobre a crise global do mundo rural e a necesidade dun futuro innovador para o rural de Compostela e de toda Galicia.
12:15 h. Concerto "Terra e Alma". Moisés Quintas ofrecerá ás persoas asistentes un concerto multidisciplinar onde se interrelacionan as músicas e letras dos alalás, interpretados con distintos instrumentos populares e tradicionais de Galicia; e as fotografías de Carlos Valcárcel, realizadas entre os anos 60-70 do século pasado e os sons da Terra. Estes elementos vanse dando vida uns aos outros creando unha ampla paisaxe visual e sonora, que transporta ao ouvinte a outra época e a outros lugares de Galicia.
13:00 h. Proxección de documentais históricos de Filmoteca Española e da Mediateca do Ministerio de Agricultura incluídos no proxecto multimedia Galicia na Memoria.
13:30 h. Visita guiada e clausura da exposición "Anacos do Rural de Compostela e provincia da Coruña" no CSC A Gracia.

13.00 h
Na Alameda de Lavacolla, concerto da Banda Municipal de Música dirixida por Casiano Mouriño.

Varios lugares e horas
Dende as 12:00 h e ata ás 19:00 h, visitas guiadas a diferentes espazos da cidade, dentro da Semana do Patrimonio Invisible.

Compartir: