MEDIO AMBIENTE

O Concello de Santiago súmase á Hora do Planeta

29/03/2019

O Concello de Santiago sumarase este sábado, 30 de marzo á celebración da Hora do Planeta, unha campaña de WWF concibida como un xesto simbólico de sensibilización global contra o cambio climático. Así, entre as 20:30 e as 21:30 horas, quedarán a escuras as prazas do Obradoiro, Cervantes e Praterías.

EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Amplíase ata o 5 de abril a inscrición no Programa Municipal de Conciliación de Semana Santa

29/03/2019

Ata o venres 5 de abril permanecerá abrto o prazo de inscrición no Programa Municipal de Conciliación de Semana Santa 2019, organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía. Este programa concíbese como un espazo educativo e de promoción do lecer, ademais de ser unha alternativa de conciliación para as familias no tempo de vacacións de Semana Santa.

XUNTA DE GOBERNO

O Concello exerce a acusación particular nas dilixencias abertas pola Fiscalía en relación ao vertedoiro de Miramontes

29/03/2019

A Xunta de Goberno acordou hoxe exercer a acusación particular nas dilixencias previas iniciadas como consecuencia da denuncia e a querela impulsadas pola Fiscalía en relación ao vertedoiro de Miramontes. O alcalde, Martiño Noriega, lembrou que "o Goberno local ten un interese directo e evidente en que as actividades de xestión de residuos que se desenvolven en Compostela se axusten á legalidade, e máis cando inciden no medio ambiente e nas condicións de vida da veciñanza".

ESPAZOS CIDADÁNS

Aprobado o Plan de Xestión da Cidade Histórica

29/03/2019

A Xunta de Goberno aprobou hoxe o Plan de Xestión da Cidade Histórica, un documento requirido pola UNESCO para as Cidades Patrimonio da Humanidade e que, na práctica, equivale á elaboración dun Plan Estratéxico. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, lembrou que o documento "é o froito dun proceso de participación no que participaron máis dun cento de axentes da cidade e de moi distintos ámbitos".

ALCALDÍA

Compostela, Ames e Teo volven colaborar no proxecto Enreguéifate

29/03/2019

Xa está en marcha unha nova edición do proxecto Enreguéifate, impulsado polos concellos de Santiago, Ames e Teo para promocionar o uso do galego a través da improvisación oral en verso. O próximo luns abre o prazo de inscrición para presentar os vídeos ao certame de regueifas, e comezan tamén os obradoiros de improvisación nos centros educativos de Compostela.

ADMINISTRACIÓN

Nova convocatoria de catro prazas de coordinador/a de Centros Cívicos

29/03/2019

O Boletín Oficial da Provincia publicaba esta mañá o anuncio polo cal o Concello vén de convocar catro prazas de coordinador/a de Centros Cívicos, co obxectivo de fortalecer a rede de centros, dotándoa dunha mellor estrutura funcional que permita mellorar a coordinación e o control deste servizo público.

MEDIO AMBIENTE

"Bravas fronte ao cambio climático", evento nesta edición do "Descarboniza! Que non é pouco..."

28/03/2019

As Fillas Bravas, personaxes creados pola compañía Chévere, serán as protagonistas do evento climático organizado este ano no marco do proxecto Descarboniza! Que non é pouco.... O espectáculo Bravas fronte ao cambio climático, que contará tamén coa participación do contacontos Celso F. Sanmartín, celebrarase no Teatro Principal o próximo 10 de abril. Os convites para asistir poderanse retirar a partir do día 2.

ACCIÓN CULTURAL

O Concello e a Asociación Cultural O Galo reivindican a escultura de Francisco Asorey nun roteiro guiado por Compostela

28/03/2019

O Concello de Santiago e a Asociación Cultural O Galo queren dar a coñecer e poñer en valor a pegada que o escultor Francisco Asorey deixou en Compostela. É por iso que ambas institucións colaboran no roteiro guiado que se vai desenvolver o próximo 5 de abril. A iniciativa foi presentada hoxe pola concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a secretaria da Asociación O Galo, Mercedes Espiño, e a tesoureira, Esperanza Delgado.

Compartir: