XUNTA DE GOBERNO
O Concello destina máis de 120.000 euros ao Programa Municipal de Apoio para a Inclusión Social
A Xunta de Goberno acordou hoxe iniciar o procedemento de adxudicación do servizo para a implementación do Programa Municipal de Apoio para a Inclusión Social, ao que se destinarán algo máis de 120.000 euros. Na edición do ano pasado, na iniciativa participaron preto de 290 persoas.
EDUCACIÓN E CIDADANÍA
Nace o Proxecto Melibea, de educación afectivo-sexual nas escolas
O edil de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deu conta esta mañá do Proxecto Melibea, de educación afectivo-sexual nas escolas, que se implantará este curso e que está dirixido a nenos e nenas de 5º e 6º de Primaria. Na rolda estivo acompañado pola psicóloga e sexóloga Beatriz Viñal.
DEPORTE
O Parque Eugenio Granell acolle este domingo a II Andaina e Carreira Solidaria Tras-Ril-San
O Parque Eugenio Granell acollerá este domingo, 30 de setembro, a II Andaina e Carreira Solidaria Tras-Ril-San, organizada por esta Asociación Galega de Transplantados de Ril. A proba, apadriñada polo atleta compostelán Pedro Nimo, conta xa con máis de 150 persoas inscritas.
ALCALDÍA E DEPORTE
Arrinca a Festa do Deporte coa participación de máis de 1.000 escolares e máis de 40 disciplinas deportivas
Chegou a segunda edición da Festa do Deporte, na que durante a xornada de hoxe e mañá participarán case 50 entidades da cidade de 43 disciplinas deportivas. A xornada de hoxe está dedicada á participación dos centros escolares, para fomentar hábitos de vida saudables e o exercicio físico fóra das escolas. O alcalde, Martiño Noriega, e a concelleira de Deporte, Noa Morales, visitaron as actividades nas que estaban a participar 1.200 alumnos e alumnas de 11 centros.
IGUALDADE
Minuto de silencio pola última vítima mortal da violencia machista
A praza do Obradoiro acolleu un minuto de silencio para condenar o último asasinato machista, que deixou este xoves unha vítima en Torrox (Málaga).
ALCALDÍA
Recepción a participantes na peregrinación de Feafes Galicia
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, acompañado da concelleira popular María Corral, recibiu un grupo de peregrinos e peregrinas da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (Feafes Galicia).
MEDIO AMBIENTE
O programa de compostaxe doméstica impulsado polo Concello esténdese a Villestro e Laraño
A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia vén de ampliar ás parroquias de Laraño e Villestro o proxecto de compostaxe doméstica impulsado inicialmente en Figueiras. O obxectivo da iniciativa, que se desenvolve en colaboración con Adega, é chegar ás 100 vivendas participante.
ACCIÓN CULTURAL
A Concellaría de Acción Cultural e AELG colaboran nun obradoiro de creación teatral
A Concellaría de Acción Cultural pon en marcha un obradoiro de creación teatral, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. O curso, de carácter gratuíto, será impartido polo dramaturgo Afonso Becerra de Becerreá.
PLENO
A Corporación aproba o pago das horas extras pendentes á Policía Local
O Pleno da Corporación aprobou hoxe, nunha sesión extraordinaria, o expediente que permitirá pagar as horas extras que se lle debían á Policía Local, correspondentes aos meses de setembro, outubro e novembro de 2017. O acordo foi adoptado cos votos a favor de Compostela Aberta, PSOE e BNG, mentres que o PP optou pola abstención.
ALCALDÍA
O alcalde recibiu a Premio Nobel May-Britt Moser
O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, recibiu a Premio Nobel de Fisioloxía e Medicina en 2014, May-Britt Moser. A neurocientífica está en Compostela da man da Fundación AstraZeneca e Nobel Media, no marco do programa ConCiencia, para compartir unha xornada con científicos/as galegos/as.