EDUCACIÓN
Lectura dende a infancia para homenaxear a nosa memoria
"O eco da memoria" é o título da oitava Campaña de animación á lectura, que se desenvolverá do 31 de marzo ao 19 de maio. A Concellería de Educación intenta cada ano con esta iniciativa achegar á lectura aos nenos e nenas de Compostela. Sesións de animación á lectura, obradoiros de ilustración e de banda deseñada, sesións familiares e actividades nas librarías son algunhas das actividades previstas, nas que colabora a editorial Kalandraka.
URBANISMO
O Concello cede unha parcela en Fontiñas para un centro de día para menores
A Xunta de Goberno deu o visto bo á cesión gratuíta á Comunidade Autónoma dunha parcela en Fontiñas, con fin de que se constrúa alí un centro integral de día para menores.
EMPREGO
Traballo concede ao Concello de Santiago catro cursos do Plan FIP para o 2008
A delegación provincial da Consellaría de Traballo da Xunta de Galicia concedeu ao Concello de Santiago catro cursos de formación do Plan FIP (Formación e Inserción Profesional), que se impartirán no 2008. As especialidades dos cursos son as de fontanería, carpintería, cantería e xardinería. Homologados pola Xunta de Galicia e subvencionados con 296.245 euros, realizaranse no Centro de Formación Ocupacional Sanxuás de Aríns. Cada un deles oferta quince prazas.
TRANSPORTES
TUSSA aproba un orzamento de 1,5 millóns de euros para 2008
A Sociedade Municipal de Xestión do Transporte Urbano (TUSSA) contará para 2008 cun orzamento de 1.499.669 euros. Así o aprobou o seu Consello de Administración, presidido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo. Entre as principais actuacións para o presente ano estarán diversas melloras nos aparcadoiros de Xoán XXIII e Belvís, as Xornadas de Transporte Urbano, un estudo de mobilidade e outro para a constitución dunha sociedade mixta para impulsar o transporte aéreo.
ALCALDÍA
Compostela reúne ás personalidades académicas máis relevantes do mundo económico
A Real Academia de Ciencias Económicas e Financeiras celebra en Compostela a súa solemne sesión académica o martes 1 de abril. Con tal motivo, os participantes foron recibidos en Raxoi polo alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.
PROMOCIÓN ECONÓMICA
Sesenta persoas participan nos cursos de teleformación de Promoción Económica
Un total de 60 persoas participa nos catro cursos gratuítos de teleformación programados pola concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo no marco da Rede de Cooperación Local. As actividades formativas de Calidade, Loxística integral, Habilidades directivas e Inglés industrial realizaranse a través de internet entre o 31 de marzo e o 30 de abril. A lista de admitidos está publicada na páxina web da Concellaría: www.maiscompostela.org.
ALCALDÍA
As tres novas superficies en marcha completarán en Santiago a área industrial máis grande de Galicia
Santiago contará coa área industrial máis grande de Galicia cando se rematen as tres novas superficies postas en marcha na Sionlla, en Formarís e na Costa Vella. Estas tres parcelas sumarán máis de 2 millóns de metros cadrados aos outros 2 millóns do actual Polígono do Tambre, para chegar aos máis de 4 millóns de metros cadrados. Esta será, en palabras do alcalde, a área industrial máis grande de Galicia.
ALCALDÍA
A autovía entre Sigüeiro e A Picaraña permitirá converter o periférico nunha vía urbana
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, expresou a súa satisfacción polo inicio da redacción do estudo informativo para a futura autovía que unirá Sigüeiro con A Picaraña (Padrón). Esta vía, libre de peaxe e duns 30 quilómetros de lonxitude, permitirá "liberar do paso pola cidade o tráfico pesado e os demais vehículos que circulan entre o norte e o sur de Galicia", indicou.
CENTROS SOCIOCULTURAIS
A Rede de Centros Socioculturais oferta un programa de vinte excursións
O programa de excursións ofertados pola Rede de Centros Socioculturais para o 2008 componse de 20 excursións, 15 delas dun día e seis máis de varias xornadas. Confeccionado a partir das peticións dos propios usuarios, este calendario de viaxes estenderase de abril a decembro e está aberto a todas as idades.
MOCIDADE
Mocidade organiza as Xornadas e obradoiros de estratexia e rol
A Praza Roxa será o escenario onde se desenvolvan as Xornadas e obradoiros de estratexia e rol o sábado 29 de marzo, en horario de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Esta actividade é organizada pola Concellería de Mocidade e polo colectivo Zónula Catro.