MERCADOS
Máis de 150 postos converten as rúas e prazas da Cidade Histórica nun mercado medieval
Do 2 ao 5 de xullo, as prazas e rúas da Cidade Histórica acollen a II Feira Medieval. Os 150 postos recrearán o ambiente desta época, ao que contribuirán tamén as diversas actividades previstas. Paseo de reis, bufóns, música itinerante ou espectáculos de lume non faltarán nesta Feira para todos os públicos.
ALCALDÍA
Santiago cede a presidencia bianual da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico á cidade francesa de Caen
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, despediuse como presidente da Conferencia das Cidades do Arco Atlántico no transcurso da súa X Asemblea Xeral. O seu lugar no Buró Executivo representando ás cidades españolas será ocupado pola cidade de Sevilla, mentres que na presidencia sucederalle o alcalde de Caen, Philippe Duron, seguindo o sistema de rotación bianual e de quendas en función dos cinco países que forman parte da Conferencia.
XUNTA DE GOBERNO
Convenios con once entidades sociais por case 69.000 euros
A Xunta de Goberno aprobou a sinatura de convenios con once entidades sociais, cunha achega total de preto de 69.000 euros. Entre outros asuntos, tamén se ratificaron inicialmente 47 axudas para rehabilitación de vivendas por valor de máis de 240.000 euros.
BENESTAR SOCIAL
Clausúranse as "Olimpiadas na rúa" no CSC das Fontiñas
O Centro Sociocultural de Fontiñas acolle o martes 30, ás 16:00, o acto de clausura das Olimpiadas na rúa, unha actividade que se veu desenvolvendo nos meses de maio e xuño no marco do Programa de Educación de Rúa, promovido pola Concellería de Benestar Social. Máis de 70 rapaces e rapazas de entre 10 e 16 anos participaron nestes particulares xogos.
PARTICIPACIÓN CIDADÁ
Ábrese na Casa das Asociacións a exposición "O cambio climático, o noso mundo, o noso futuro, a nosa opción"
O mércores 1 de xullo ábrese na Casa das Asociacións a exposición "O cambio climático, o noso mundo, o noso futuro, a nosa opción". Esta mostra, realizada pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta, forma parte do Programa de Verán da Casa das Asociacións, promovido pola Concellería de Participación Cidadá, e poderá visitarse ata o 15 de xullo. Neste mesmo espazo veciñal, o martes 30 rematou a primeira entrega do curso "Falando en verde".
TRANSPORTES
Entran en vigor os horarios de verán no servizo de transporte urbano de Santiago
O mércores 1 de xullo comeza a funcionar o horario de verán nos autobuses urbanos da cidade. É de destacar nestes horarios o mantemento da mesma liña de reducións que en anos anteriores, con mínimas reestruturacións nas liñas urbano-periféricas.
CIDADE HISTÓRICA
Os veciños da rúa de Belvís poderán estacionar na zona durante os dous meses e medio que teñan cortado o acceso aos seus garaxes
O proxecto de reurbanización da Rúa de Belvís significa unha importante operación de dignificación da zona que, entre outras actuacións, potenciará o miradoiro como un espazo de uso público acorde co valor histórico e arquitectónico do Mosteiro. Ao finalizar as obras, ademais de novos pavimentos e calzadas, o barrio terá un novo espazo de lecer, para ser aproveitado pola veciñanza, con unhas espectaculares vistas da cidade vella de Santiago.
MEDIO AMBIENTE E CIDADE HISTÓRICA
Tempo para elixir o mellor dos máis de 50 balcóns que participan no I Concurso de Balcóns da Cidade Histórica
A partires do mércores 1 de xullo pódese votar o mellor balcón do I Concurso de Balcóns da Cidade Histórica de Santiago que organizan as concellerías de Medio Ambiente e de Cidade Histórica. Todos aqueles que así o desexen terán dende as 11.00 horas do mércores ata o 7 de xullo un espazo na microweb do Concurso dentro desta páxina web para elixir cal é o seu balcón favorito.
EDUCACIÓN
A Escola de Verán ensina aos máis pequenos a coñecer mellor os cans
O Club de Cans de Familia Só lles falta falar impartiu no CEIP Fontiñas o seu primeiro taller para ensinarlles aos nenos a perderlle o medo ao cans e a coñecelos mellor. O martes 30 celebrarase unha sesión semellante no Pío XII, tamén en horario de 11:30 a 13:30 horas.
ALCALDÍA
O alcalde preside o Buró Executivo da CCAA na cidade francesa de Caen
O alcalde de Santiago, en calidade de Presidente da Conferencia de Cidades do Arco Atlántico (CCAA), atópase presidindo o Buró executivo da mesma que está tendo lugar na cidade francesa de Caen. A primeira hora da tarde, Sánchez Bugallo presidiu a Comisión "Estratexia e Coordinación" liderada pola cidade de Santiago de Compostela, e durante a mañá participou nas sesións de traballo das Comisións "Cidades Atractivas e Solidarias" e "Desenvolvemento Urbano Sostible".