COMERCIO

Entregadas as bandas aos comercios gañadores da edición de primavera do Concurso de Escaparatismo

31/05/2010

O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo entregou as bandas de escaparatismo aos tres premiados na edición de primavera do VII Concurso Municipal de Escaparatismo SCQ Shopping: a tenda de moda Spiral, o establecemento de artesanía africana Mama Egue e a Castelcán, especializado en produtos de veterinaria. Xosé Manuel Iglesias tamén entregou unha figura de Sargadelos a Mama Egue, gañador do Concurso de novas ideas empresariais Compostela Activa 2009, na categoría de Autoemprego.

ALCALDÍA

O alcalde agarda que a construción da nova EDAR se licite este mesmo ano

28/05/2010

Despois das conversas mantidas esta semana coa ministra de Medio Ambiente, Elena Espinosa e con outros responsables do Ministerio, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, obtivo o compromiso de que a obra da futura estación depuradora de augas residuais (EDAR) se vai sacar a licitación. Despéxase así a incógnita que sobre este proxecto existía á vista dos recortes dos investimentos anunciados polo Goberno central.

EXTINCIÓN DE INCENDIOS

Os Bombeiros realizaron un simulacro de intervención nun accidente de tráfico

28/05/2010

Os Bombeiros de Santiago realizaron un simulacro de excarceración e intervención nun accidente de tráfico, como práctica final dun curso con especialistas na materia no que participaron esta semana. Nesta experiencia, nunha parcela na Costa Vella, levaron a cabo os protocolos previstos para estes casos

CULTURA

A semana oficial da VII edición de Curtocircuíto remata coa entrega de premios

28/05/2010

Curtocircuíto, o Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago chega ó seu fin. Tras seis xornadas de proxeccións, na noite do sábado coñeceranse as curtas elixidas polo xurado e o público. 123 curtametraxes participaron este ano en Curtocircuíto, de 26 países diferentes, algúns como Malí, China, Corea do Sur, Polonia ou Irán, entre outros.

MERCADOS E FESTAS

A Feira Medieval reforza a orientación histórica e pedagóxica na súa terceira edición

28/05/2010

Os días 4, 5 e 6 de xuño, celebrarase nas rúas da Cidade Histórica a III Feira Medieval. Nesta ocasión, o evento pretende reforzar a súa singularidade cunha representación histórica da coroación de Alfonso Raimúndez como rei de Galicia. A cidade engalanarase para esta Feira, á que están convidados a participar activamente todos os cidadáns.

ALCALDÍA

O Nobel de Química Harold Walter Kroto fala en Santiago de ciencia e sustentabilidade

27/05/2010

O Nobel de Química en 1996, Harold W. Kroto está en Santiago para participar no V Programa ConCiencia, que organizan a USC e o Consorcio de Santiago, co apoio de Xacobeo 2010. Dentro do seu programa de actividades na cidade, o científico británico pasou pola Casa do Concello, onde foi recibido polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, que o convidou a asinar no Libro de Honra.

IGUALDADE

A Concellería de Igualdade exhibe ata o 7 de xuño os traballos realizados no curso "A saúde a través da arte"

27/05/2010

Clausurada a terceira edición do curso "A saúde a través da arte", organizado pólo Centro de Información á Muller, da Concellería de Igualdade, os traballos realizados neste curso forman agora unha exposición titulada Procesos, que estará aberta ao público nas dependencias da Concellería (rúa Isaac Díaz Pardo, 2-4) ata o 7 de xuño, de luns a venres en horario de 8:00 a 15:00 horas.

Compartir: