ALCALDÍA
Sánchez Bugallo, convidado a participar en China nun encontro internacional de alcaldes sobre turismo
O subdirector da Oficina de Asuntos Exteriores da Provincia de Henan (China), Yang Weibin, foi recibido en Raxoi polo alcalde. No encontro, Sánchez Bugallo, foi convidado a participar no Fórum Internacional de Alcaldes sobre Turismo, que se celebrará o 10 de abril en Zhenzhou, capital da devandita provincia.
BENESTAR SOCIAL
Máis de 287.000 euros para equipar a Casa das Asociacións de Servizos Sociais
A Xunta de Goberno aprobou o proxecto-memoria relativo ao equipamento e mobiliario para a Casa das Asociacións de Servizos Sociais. Valorouse en 287.210 euros, e solicitarase unha subvención ao Ministerio de Administracións Públicas (Dirección Xeral de Cooperación) por unha contía de 143.605 euros, o que se supón o 50% do custo total do proxecto.
MEDIO AMBIENTE
Visto bo á ampliación da rede de abastecemento de auga en Figueiras
A Xunta de Goberno, a proposta da Concellaría de Medio Ambiente, aprobou o proxecto das obras de ampliación da rede de abastecemento de auga en Figueiras. Igualmente, ponse a disposición da Consellería de Medio Rural, libres de cargas e gravames, todos os terreos necesarios para a normal execución das obras, así como os correspondentes permisos e autorizacións.
URBANISMO
O Concello solicita unha masa común para o futuro cemiterio de Sabugueira
O Goberno local acordou solicitar á Consellería de Medio Rural a cesión gratuíta dunha masa común da concentración parcelaria en Sabugueira-Carballal. O obxectivo é que esta parcela sirva para a construción do futuro cemiterio da parroquia.
EMPREGO
Unha nova ferramenta informática mellorará a xestión da bolsa de emprego municipal
A Plataforma de Intermediación Laboral será a principal ferramenta de traballo dos titores de inserción no proceso de tratamento personalizado que seguen con cada demandante de emprego.
URBANISMO
Péchanse os acordos con todos os propietarios do SUNP-14 de Tras Paxonal
O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu un novo consello de administración da Empresa Municipal de Vivenda e Solo (EMUVISSA) no que, entre outras cuestións, se lle formulou unha proposta de convenio de mutuo acordo expropiatorio ás últimas propietarias afectadas polo sunp-14 de Tras Paxonal. Aceptada esta proposta de realoxo polas afectadas, quedan pechados os acordos co 100% dos propietarios deste solo.
EMPREGO E MEDIO AMBIENTE
Os alumnos do obradoiro Compostela Natural recuperan as marxes do río Sarela
O primeiro tramo das marxes do río Sarela rehabilitado polos 60 alumnos do Obradoiro de emprego Compostela Natural xa está a disposición dos composteláns. Esta primeira fase corresponde á rexeneración do cauce e á apertura dun paseo á beira do río de 400 metros de longo por 1,35 metros de ancho, entre a igrexa do Carme de Abaixo e o rueiro de Figueiriñas.
CULTURA
O gaiteiro José Manuel López acompañará á Banda nun novo concerto
A Banda Municipal de Música, dirixida por Casiano Mouriño ofrece un novo concerto, desta volta coa compaña do gaiteiro José Manuel López. Será o domingo 16, ás 12:00 horas, no Teatro Principal.
CULTURA
Fran Bueno debuxa unha viñeta xigante no Auditorio de Galicia
O sábado 15 de marzo, as persoas que se acheguen ao Auditorio de Galicia, ás 10:00 horas, poderán ver ao debuxante Fran Bueno realizando unha viñeta xigante ata ás 13:00 horas. Esta actividade forma parte das programadas no marco da exposición A historieta galega 1973-2008.
CULTURA
A Zona "C" cumpre o seu primeiro ano e celébrao cunha publicación
O 13 de marzo de 2007 abría as súas portas a Zona "C", un novo espazo de creación múltiple pensado para acoller diferentes actuacións. Un ano despois, para celebralo, o concelleiro de Cultura e Centros Socioculturais, Néstor Rego, presentou a publicación que recolle todas as actividades que se levaron a cabo aquí durante este ano de existencia.