PLENO
A Corporación aproba definitivamente o orzamento municipal 2014
A Corporación municipal, nun pleno extraordinario, aprobou definitivamente o orzamento municipal para 2014, que prevé ingresos e gastos polo mesmo importe: 100.941.779 euros.
XUVENTUDE
Terceira final do Certame SantiAutor
Celebrouse na Sala Sonar a terceira e última final do I Certame de Música SantiAutor para artistas noveis, organizado pola Concellería de Xuventude e a devandita sala. Nesta xornada actuaron Sheila Patricia, Daniel Royo, Miguel Alonso, e Carlos Valiño. A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, achegouse ata o concerto.
XUVENTUDE
Un grupo de mozos e mozas de 14 a 20 anos participa nun campamento de iniciación ao esquí en Leitariegos (León)
Do 2 ao 4 de marzo desenvolverase en Leitariegos (León) o campamento de iniciación ao esquí Imos á neve, organizado pola Concellería de Xuventude. Un grupo de mozos e mozas de 14 a 20 anos participará neste programa, que combinará as clases de esquí con actividades de inglés e xogos.
OBRAS
O Concello investiu 200.000 euros en obras no barrio de Guadalupe en 2013
O concelleiro de Barrios e Brigada de Vías e Obras, Juan de la Fuente, visitou as obras que se levaron a cabo na rúa Chan de Curros, no barrio de Guadalupe. Esta actuación está incluída no programa de obras posto en marcha polo Concello neste barrio con cargo aos orzamentos de 2013, cun custo total duns 200.000 euros.
TURISMO
Lavacolla terá no 2014 a mellor conectividade internacional da súa historia
O aeroporto de Santiago terá no 2014 a mellor conectividade internacional da súa historia, segundo apuntou a concelleira de Turismo, Reyes Leis, nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi na que valorou o cadro de conexións internacionais de Lavacolla. Na temporada de verán, o aeroporto contará con trece conexións internacionais, entre as que se inclúen as novas conexións de Vueling a Roma, Bruxelas e Ámsterdam, tres rutas tradicionalmente demandadas polo sector turístico da cidade.
NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
Chega a Compostela o espectáculo "Toc Toc", de Pablo Díaz, dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes
O domingo 30 de marzo, Pablo Díaz e a súa banda animarán os nenos e nenas a cantarlle en galego á alegría e á amizade co espectáculo musical Toc Toc, baseado no libro-disco co mesmo nome publicado recentemente. Esta actuación chega a Compostela da man da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, da que forma parte o Concello de Santiago a través da Concellería de Normalización Lingüística.
CENTROS SOCIOCULTURAIS E RELACIÓNS VECIÑAIS
Nova cita co programa "Imos ao baile"
Comeza o mes de marzo cunha nova cita do programa Imos ao baile 2104, actividade para maiores promovida pola Concellería de Centros Socioculturais e Relacións Veciñais.
XUNTA DE GOBERNO
A Xunta de Goberno aproba o calendario de prazos de admisión nas escolas infantís de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños
A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o calendario de prazos de admisión e matrícula nas escolas infantís municipais de Conxo, Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños para o curso 2014-2015. Tamén acordou solicitar á Xunta de Galicia unha nova edición do Obradoiro de Emprego Santiago Impulsa.
ECONOMÍA
Entrega de certificacións de calidade medioambiental ao Concello de Santiago
O alcalde compostelán, Ángel Currás, presidiu o acto de entrega formal de certificacións de calidade logradas polo Concello de Santiago nos ámbitos do Medio Ambiente (ISO 14000, normas UNE 58451 e UNE 58923). As credenciais foron outorgadas pola certificadora EQA.
EMPREGO
O Concello asina un convenio de colaboración en materia de emprego coa empresa certificadora EQA
Asinouse en Raxoi un convenio de colaboración en materia de emprego entre o Concello de Santiago e EQA. O acto contou coa presenza de Reyes Leis, Primeira tenente de Alcalde e concelleira da Área de Economía e Emprego, e Ignacio Martínez, director de EQA.