ALCALDÍA

Goretti Sanmartín reivindica o carácter transversal das políticas de Igualdade para mellorar a calidade de vida do conxunto da sociedade

01/10/2024 A rexedora de Compostela explicou no II Encontro Estatal de Alcaldesas que "o feminismo aplicado de xeito transversal ás políticas municipais poden producir grandes diferenzas na forma de vivir o día a día nunha cidade ou nun Concello".

Goretti Sanmartín interveu na mesa redonda "Mulleres no poder local: novas políticas nas axendas do cambio", que tivo lugar esta tarde na Coruña, onde asegurou que "para poñer en marcha políticas de igualdade hai que ser leal aos principios do feminismo, actuando en beneficio da poboación residente e sempre tendo en conta os colectivos máis vulnerables, que son principios asumidos desde hai moitísimo tempo desde o feminismo."

Neste sentido, explicou que na configuración das áreas do Goberno municipal "decidimos que o departamento de Igualdade se xestione desde a Alcaldía co obxectivo prioritario de que as políticas de Igualdade se desenvolvan con carácter transversal e que todos os departamentos, urbanismo, economía, deportes, festas, cultura, persoal..., incorporen a visión feminista nas accións e proxectos que realizan".

A alcaldesa tamén afirmou que "é necesario ter capacidade de escoita e de saber que somos elos dunha cadea" e, neste sentido, mencionou á necesidade de "escoitar ás pioneiras, como as mulleres das Irmandades da Fala, que tan importantes foron na Coruña, e de escoitar tamén á xente moza e que vén detrás de nós e que están cuestionando todo". En relación a proxectos de xente moza e a novos espazos de debate e reflexión, fixo referencia á xornada "Mover os Marcos" que terá lugar na vindeira fin de semana no Centro Xove -promovida pola área de Cultura da Deputacíón da Coruña-.

A alcaldesa rematou a súa intervención facendo referencia ao verso da poeta e xornalista Ana Romaní, "non queremos un sitio, queremos outro lugar", para explicar que "procuramos un lugar propio, en consonancia tamén co cuarto propio de Virginia Woolf, e non un sitio de prestado no sistema patriarcal".

A alcaldesa compostelá compartiu mesa redonda coa alcaldesa de Las Palmas, Carolina Darias, coa alcaldesa de Palencia, Miriam Andrés, alcaldesa Barakaldo, Amaia del Campo, e coa alcaldesa de Alcorcón, Candelaria Testa.

Previamente, participou na sinatura e lectura da "Declaración de María Pita", que tivo lugar no Pazo de María Pita e na que participaron máis de 30 alcaldesas de Galicia e do Estado español.

Compartir: