PROMOCIÓN ECONÓMICA

Volven os obradoiros formativos ao Espazo Maker Compostela

26/09/2024 O Espazo Maker Compostela volve abrir as súas portas na Casa das Asociacións de Cornes despois das vacacións de verán, e faino ofertando novos obradoiros formativos que se desenvolverán ao longo do mes de outubro. As actividades, os venres pola tarde e os sábados pola mañá, teñen como obxectivo axudar á comunidade maker de Compostela en diferentes materias como electrónica, programación, ou deseño 3D. As inscricións son de balde.

O Espazo Maker Compostela retoma a actividade o sábado 5 de outubro cun obradoiro de iniciación á electrónica Arduino, no que os participantes construirán un medidor de luz ambiental. No venres 11 está prevista unha actividade de iniciación ao deseño e impresión 3D; o sábado 19 de outubro haberá un obradoiro de iniciación á programación en C++ e Arduino; e o sábado 26, unha actividade relacionada coa realidade virtual. As inscricións xa están abertas a través da web espazomaker.werobots.org.

O Espazo Maker Compostela empezou a funcionar en xullo na Casa das Asociacións de Cornes, nunha aposta da Concellaría de Promoción Económica por darlle continuidade a outras iniciativa sexitosas como a Academia Maker que funcionara de maneira itinerante pola rede de Centros Socioculturais, ou o laboratorio dixital móbil que percorreu a cidade durante varias semanas. Estas accións estaban enmarcadas no programa de dinamización económica Faino Ti, financiado con fondos europeos da EDUSI. O equipamento informático e tecnolóxico utilizado nesas iniciativas pasou a ser propiedade do Concello, e é o que se utiliza no Espazo Maker Permanente, que tén como obxectivo impulsar a innovación e a creatividade entre a cidadanía de Santiago, fomentando a súa participación en actividades tecnolóxicas. Estas instalacións contribúen a acadar os obxectivos establecidos na Axenda Urbana 2030 de Santiago, promovendo a innovación, a sostenibilidade e a participación cidadá. En concreto, dálle cumprimento á liña de acción relativa á diversificación económica, que sinalaba o reto da creación dun espazo maker e de que Compostela sexa a sede permanente da Maker Faire Galicia.

Compartir: