CAPITAL CULTURAL

Os Monicreques de Kukas abren a programación familiar de setembro nunha anovada Sala Mozart

19/09/2024 A compañía presenta no Auditorio de Galicia o espectáculo ‘Viva Vivaldi (1, 2, 3, e catro estacións)’, un traballo que conmemora o terceiro centenario da célebre composición do xenio veneciano. As entradas para o espectáculo poden ser adquiridas na páxina web de Compostela Cultura e nos despachos de billetes da Zona C e do Auditorio de Galicia

A Sala Mozart do Auditorio de Galicia estréase esta tempada como novo escenario de espectáculos especialmente pensados para público familiar. O primeiro deles é Viva Vivaldi (1, 2 3 e catro estacións), un traballo da compañía Os monicreques de Kukas que se presentará ao público este sábado, día 21 de setembro, ás 18.00 horas.

A peza, coa que a compañía conmemora o terceiro centenario de As catro estacións de Vivaldi, conta con dirección de Isabel Rey Pousada e cun elenco conformado por Marián González Rodríguez, Larraitz Urruzola Tolosa e Marcelino de Santiago Viqueira ‘Kukas’, que é tamén autor do texto. Viva Vivaldi (1, 2 3 e catro estacións) representa os cambios que se producen en cada unha das estacións do ano con pequenas historias que valoran a importancia da amizade das relacións afectivas e solidarias. Unha pintora (Maruxa), unha escritora (Rosalía Emilia Concepción) e un músico (Antón) crearán un mundo fantástico e poético con monicreques tratados cunha paleta de cores brillantes e contrastadas. Rubén González Deschamps ocúpase da versión musical para a escena da composición de Vivaldi, Miguel Cabaleiro é o responsable da iluminación da obra e Beatriz Busto asume a dirección de vestiario.

As entradas para este espectáculo, recomendado para público de máis de 3 anos de idade, teñen un prezo de 3 € e poden ser adquiridas na web compostelacultura.gal, no despacho de billetes da Zona C (aberta de martes a sábado en horario de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas) e no do Auditorio de Galicia (aberto o propio día do espectáculo dende as 17 horas).

A Sala Mozart do Auditorio de Galicia pasa, así, a engrosar a rede de espazos escénicos de Compostela Cultura que abeiran espectáculos para público familiar. Cara a ese fin, nela realizáronse ao longo do verán mantementos destinados a mellorar a visibilidade, a capacidade escénica e o acondicionamento acústico do espazo, ademais doutras melloras estéticas e da adquisición de elevadores para butacas. Con 232 localidades e espazo para 2 cadeiras de rodas, a sala acollerá tamén concertos, conferencias e ensaios teatrais, entre outras actividades, e continuará a servir de sede do traballo diario da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela.

Compartir: