XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as bases das axudas para promoción e dinamización comercial, destinadas ás asociacións de comerciantes

16/09/2024 A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá as bases reguladoras da convocatoria de axudas á realización de actividades de promoción e dinamización comercial, correspondente á anualidade de 2024, que conta cun orzamento de 85.000 euros.

As subvencións están destinadas ás asociacións de comerciantes ou entidades representativas de pequenas e medianas empresas comerciais legalmente constituídas, e sen fin de lucro que reúnan os seguintes requisitos no momento de presentación da solicitude: que o seu ámbito de actuación sexa eminentemente local, referido ao municipio de Santiago; que conten cun mínimo de 15 establecementos asociados; que o 60% dos seus establecementos asociados pertenzan ao sector comercial; ter a súa sede social no municipio de Santiago; e non estar integradas por empresas comerciais que operen en mercados municipais suxeitos a concesión administrativa.

Considéranse actuacións subvencionables, sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro de 2024 e a data límite de xustificación, o 31 de outubro de 2024; as referidas a sistemas de fidelización a través de servizos dirixidos á clientela cuxa finalidade sexa aumentar as vendas, atraer novas persoas consumidoras e satisfacer os seus intereses; actuacións de dinamización e promoción comercial encadradas dentro dun proxecto de promoción dos establecementos; campañas de promoción, publicidade en medios de comunicación ou en soportes publicitarios así como elaboración de material promocional, que se orienten a potenciar as distintas tempadas ou fitos con relevancia comercial ao longo do ano; a implantación ou mantemento de servizos de apoio e asesoramento ao comercio polo miúdo, e actuacións encamiñadas á mellora da competitividade comercial.

Tamén son subvencionables os custos de persoal e de administración específicos, sempre e cando estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a súa adecuada preparación e execución; as liquidacións das pólizas de crédito devindicadas e efectivamente pagadas entre o 1 de xaneiro e o 30 de outubro de 2024; e os xuros dos préstamos concertados con posterioridade ao 14 de marzo de 2020 e efectivamente pagados entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2024.

A subvención pode acadar o 80% do orzamento dos gastos subvencionables, co límite de 35.000 euros por cada entidade solicitante. Esta axuda é compatible con outras concedidas para a mesma finalidade, sempre e cando illadamente ou en concorrencia coas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, non supere o custo total das actividades subvencionadas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e contara desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Convenio

A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao texto do convenio de colaboración para o ano 2024 entre o Concello de Santiago e a Universidade de Santiago de Compostela para o " Programa de Atención Bucodental a persoas en risco de exclusión social" pola contía de 10.000,00 €

O programa diríxese a persoas con idades entre 5 e 80 anos en risco de exclusión social, segundo os criterios establecidos na Ordenanza de Garantía Básica Cidadá do Concello de Santiago, que presenten unha situación odontolóxica abordable dentro dos obxectivos da iniciativa. Unha das prioridades do acordo é desenvolver un labor de educación sobre saúde bucodental coas persoas beneficiarias, identificando actitudes de risco e instaurando medidas preventivas. Ademais, o programa permitirá executar tratamentos en pezas dentais susceptibles de poder ser conservadas mediante técnicas odontolóxicas básicas, así como restaurar dentes perdidos con próteses removible

Compartir: