XUNTA DE GOBERNO

O Concello e a Deputación da Coruña programan, a través de Rede Cultural 2023, 30 espectáculos en centros socioculturais no segundo semestre do ano

05/06/2023 A Xunta de Goberno Local tomou coñecemento dos espectáculos solicitados á Deputación da Coruña, que forman parte da programación da "Rede Cultural 2023", que ten por obxecto contribuír á difusión da música, o teatro, a danza o cine e demais manifestacións artísticas nos concellos da provincia. Son un total de 30 eventos os programados entre xuño e decembro, en distintos centros socioculturais e espazos da cidade.

Estes 30 espectáculos teñen un custe total estimado de 15.410,25 euros. O 30%, 4.623,08 euros, financiaríao a Deputación da Coruña; e o resto, o 70%, 10.787,17 euros, correría a cargo do Concello de Santiago. Están incluidos nos programas de "Escena ao vivo", de espectáculos profesionais de teatro, monicreques, danza e música; en "Programa visións", de cinema e contidos audiovisuais; en "Alicerce", programa de grupos de música, danza e teatro non profesionais; e de "Lingua a escena!", un programa de espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización da lingua galega.

En concreto, están programados dous espectáculos na Cidade Histórica, un na Alameda, catro no Centro Sociocultural de Fontiñas, catro no de Vite, dous en Pontepedriña; tres en Santa Marta; tres en Conxo, dous no Ensanche; tres no de Castiñeiriño; un no Romaño, outro en Sar, outro en San Lourenzo; e tres en Centros Sociocuturais do rural, concretamente en Figueiras, Busto, e Marrozos.

Outros acordos

No apartado de contratación, a Xunta de Goberno Local acordou aduxdicarlle o "Servizo de consultoría técnica para a redacción do Plan de Accesibilidade Integral da cidade de Santiago de Compostela" á UTE EPTISA – SUMA, que presentou a oferta coa mellor relación calidade-prezo, por un importe, IVE engadido, de 84.700 euros.

Compartir: