ACCIÓN CULTURAL

Antón Reixa recibe o III Premio Plataforma á súa traxectoria artística

05/06/2023 O artista vigués recibe o III Premio Plataforma entregado pola concelleira de Acción Cultural en funcións, Mercedes Rosón, no marco do festival Plataforma, organizado pola Cooperativa Performa, nun acto no que tamén participaron distintos membros da Corporación Municipal. O premio é unha peza cerámica realizada pola artista e artesá Verónica Moar.

O músico, poeta e performer recibe este galardón e participará do festival de artes performativas Plataforma, coa acción inédita 'Un só familiar por paciente (e non viceversa)' en colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, dirixida nesta ocasión por Casiano Mouriño.

A prolongada carreira deste artista comeza nos anos 70, renovando a poesía a través do Grupo Rompente e coa publicación de obras como o Silabario da Turbina ou As ladillas do travesti. Tamén explora o eido musical con Os Resentidos na década dos 80, e é un dos primeiros en entrar no mundo do videoarte en Galicia. Considérase pioneiro no ámbito da performance, sempre da man do activismo cultural e do comentario socio-político, o que o converteu nunha presenza interxeracional.

Antón Reixa participa nesta IV edición do Festival o xoves 8 de xuño no Obradoiro, coa súa peza 'Un só familiar por paciente (e non viceversa)', en colaboración ca Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela, baixo a batuta de Casiano Mouriño. Para esta acción, o artista proponnos unha visita ficticia polos espazos inevitables que transitamos ao longo da nosa vida: o cárcere, o banco, o hospital, e mesmo o tanatorio. A ruta conduciranos a un espazo liberado: a creación artística.

Reixa recolle o testemuño de Rodríguez-Méndez, premiado no 2022 polo seu traballo como artista plástico e polas súas achegas ao campo das artes vivas e a performance, contando con obra no CGAC, na Colección DKV, na Colección Mica e na Fundación DIDAC. Na primeira edición, o premio foi entregado a La Ribot, figura imprescindible no ámbito da danza contemporánea e recoñecida recentemente co León de Ouro da Bienal de Danza de Venecia.

Plataforma. Festival de artes performativas abre hoxe luns ás 19h na Praza da Quintana coa estrea absoluta da performance da artista Mery Pais 'Lei Eterna', que trata sobre a necesidade de entrelazar e respectar as culturas nunha reflexión sobre a relixión, as crenzas de iguais, e de contrarios. A artista creará na praza da Quintana, por medio do son e a participación activa das performers, un espazo compartido de multi-culturalidade e inter-relixioso.

Direccións relacionadas



Compartir: