ACCIÓN CULTURAL

O XIII Festival Peregrinos Musicales ábrese á cidadanía cunha xornada de música clásica a pé de rúa

31/05/2023 A xornada de Música nos Balcóns permitirá que novos talentos internacionais ofrezan a súa obra desde edificios emblemáticos do casco histórico. Esta edición contará cun programa especial en homenaxe ao compositor e pianista Sergei Rachmaninoff.

Santiago converterase entre os días 29 de xuño e 14 de xullo na capital da música clásica da man do XIII Festival Peregrinos Musicales, que conta con grandes novidades. A principal será a celebración dunha xornada de música clásica a pé de rúa, que estará protagonizada polos 7 novos talentos internacionais galardoados no certame vencellado a esta cita.

A presentación do evento desenvolveuse esta mañá no Museo das Peregrinacións e contou coa presenza do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a concelleira de Cultura en funcións de Santiago, Mercedes Rosón; a súa homónima en Ames, Natividad González, e a directora artística desta cita, Ilona Timchenko. No acto, debulláronse as principais novidades do programa, que este ano renderá unha homenaxe ao recoñecido compositor e pianista contemporáneo Sergei Rachmaninoff polo 150 aniversario do seu nacemento.

O festival comprenderá un total de 7 xornadas musicais, con entrada de balde, protagonizadas tanto por novos talentos como por artistas consagrados de carácter internacional. Os concertos desenvolveranse no Teatro Principal, no Auditorio de Galicia (coa Real Filharmonía), no Hostal dos Reis Católicos e no Pazo da Peregrina de Ames. O acceso a todas os concertos será libre e gratuíto.

Música nos Balcóns

A décimo terceira edición de Peregrinos Musicales achegará a música clásica á cidadanía. En verbas de Timchenko, que concretou todas as actuacións previstas no festival, "unha das grandes sorpresas deste ano será a celebración da xornada Música nos Balcóns, o venres 7 de xullo pola tarde. Esta actividade permitirá que 7 novos talentos internacionais ofrezan a súa obra desde 4 edificios emblemáticos do casco histórico compostelán, tomando como eixo a Rúa do Vilar", engade.

Na súa intervención, Mercedes Rosón salientou a orixinalidade deste novo formato de música a pé de rúa, que supón "unha apertura do festival á cidadanía". Ademais, afirmou que "estes proxectos compartidos -entre distintas entidades e institucións- conseguen unha vontade común para desenvolver iniciativas en beneficio da cidade".

Esta xornada estará protagonizada polos 7 galardoados do XIII Certame Internacional de Novos Talentos Peregrinos Musicales. Os seis premiados foron os pianistas Yuri Durán, Cris Bernal (Galicia) e Sofía Zhólobova (Ucraína); o fagotista Emanuel Sint (Alemaña); o clarinetista Pablo López (País Vasco) e a violinista Nerea Arriola (País Vasco). O chelista Jorge Suárez recibiu un Premio especial do xurado ao Mellor Intérprete galego.

Entre as 17.00 e as 20.00 horas sucederanse cada hora catro actuacións na Fundación Eugenio Granell (clarinete e violín), no Café Casino (cunha actuación de piano a 6 mans); na Fundación Torrente Ballester (cello), e na Casa do Cabido (con violín, clarinete, fagot e cello). Seguidamente, ás 21.00 horas, a xornada de Música nos Balcóns finalizará cun concerto conxunto destes novos intérpretes no Hostal dos Reis Católicos.

Aposta polo talento galego

Outra das novidades é a potenciación do talento galego. Ilona Timchenko salientou, neste senso, "o incremento de nivel entre os participantes de Galicia. De feito, este ano creouse un Premio Especial ao Mellor Intérprete Galego e dos 7 galardoados, 3 son de aquí".

Pola súa banda, Anxo Lorenzo valorou moi positivamente esta aposta polas promesas da comunidade autónoma. "O Festival Peregrinos Musicales converteuse nunha incubadora de talento e creación e intercambio internacional. Ademais, agora aposta por unha fórmula de difusión de música clásica con diferentes formatos, que consegue atraer e tamén formar ao público", asegurou.

Homenaxe a Rachmaninoff

A homenaxe que o evento realizará a Sergei Rachmaninoff verase reflectida nas pezas musicais que se interpretarán durante todo o festival. Así, o programa comezará o día 29 de xuño cunha obra creada polo recoñecido compositor na honra de Tchaikovski. Ademais dos novos talentos, a cita contará coa participación de consagrados artistas internacionais, que actuarán no Teatro Principal de Santiago.

Estes son a violinista Diana Poghosyan (29 de xuño); Dúo Degas, composto polos pianistas Gala Chistiakova e Diego Benocci (30 de xuño); o cellista Roger Morelló Ros (13 de xullo), e o Trío Metamorphoses (14 de xullo), integrado pola pianista Ilona Timchenko, a clarinetista Jean Johnson e cellista Iván Balaguer Zarzo.

Concertos en Ames e coa RFG

No tocante aos novos talentos internacionais, tamén ofrecerán un concerto no emblemático Pazo da Peregrina (en Bertamiráns, Ames) o domingo 9 de xullo. Sobre este último, Natividad González amosou a súa satisfacción por participar nesta edición e augurou futuras colaboracións coa organización do Festival Peregrinos Musicales.

O martes 11 de xullo, os galardoados poderán actuar como solistas no tradicional concerto coa Real Filharmonía de Galicia. Nesta xornada entregaranse tamén os Premios do público e do concerto con caché da Asociación Peregrinos Musicales.
O Festival Peregrinos Musicales se desenvolve nesta edición grazas ao apoio económico de Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Concello de Santiago e Concello de Ames e a colaboración de Consorcio de Santiago, Fundación Eugenio Granell, Fundación Torrente Ballester, Hostal dos Reis Católicos, Café Casino, Auditorio de Galicia e Real Filharmonía de Galicia.

Programa completo do XIII Festival Peregrinos Musicales

29 de xuño-Teatro Principal (20.30 horas): concerto "Na memoria dun gran artista", con Diana Poghosyan (violinista), Jorge Suárez (cello) e Ilona Timchenko (piano).
30 de xuño-Teatro Principal (20.30 horas): concerto de Dúo Degas: Chistiakova & Benocci piano duo.
7 de xullo: xornada de ‘Música nos Balcóns’
• Praza do Toural – Balcón da Fundación Eugenio Granell (17.00 horas): Pablo López (clarinete) e Nerea Arriola (violín)
• Rúa do Vilar - Café Casino (18.00 horas): Piano a seis mans con Sofía Zholobova, Yuri Durán e Cristina Bernal.
• Rúa do Vilar - Balcón Fundación Torrente Ballester (19.00 horas): Jorge Suárez (cello).
• Praza de Praterías - Balcóns Casa do Cabido (20.00 horas): Emanuel Sint (Fagot), Nerea Arriola (violín), Pablo López (clarinete) e Jorge Suárez (cello)
• Hostal dos Reis Católicos (21.00 horas): Concerto final de todos os laureados no Certame Internacional Peregrinos Musicales. Haberá unha obra de piano a seis mans con Stefano Visintainer como pianista colaborador.
9 de xullo – Pazo da Peregrina, Ames (21.00 horas): concerto de laureados no Concurso Internacional de Novos Talentos Peregrinos Musicales.
11 de xullo – Auditorio de Galicia (20.30 horas): concerto dos gañadores do Certame Peregrinos Musicales coa Real Filharmonía de Galicia.
13 de xullo – Teatro Principal (20.30 horas): concerto "La voz de Casals", Roger Morelló Ros (cello)
14 de xullo – Teatro Principal (20.30 horas): actuación do "Trío Metamorphoses", composto por Jean Johnson (clarinete), Iván Balaguer Zarzo (cello) e Ilona Timchenko (piano)

Todos os concertos teñen entrada libre.

Compartir: