A Xunta de Goberno Local aprobará este luns o proxecto de reurbanización da Praza de León

04/02/2023 Tamén se lle dará luz verde á actualización do proxecto básico e de execución para a mellora dos equipamentos deportivos e sociais na parroquia de Figueiras

Redeseñar o espazo da Praza de León, sita no grupo de vivendas Cardenal Quiroga, en Pontepedriña, priorizando o uso estancial e lúdico. Ese é o obxectivo do proxecto de reurbanización que este luns se aprobará en Xunta de Goberno local, e que contempla a integración dunha zona de xogo, o redeseño da pavimentación, mellora da accesibilidade e un axardinamento da contorna seguindo os criterios de sostibilidad, dando resposta a unha petición formulada pola asociación de veciños Sandra Prego. Un proxecto que forma parte da EDUSI de Santiago de Compostela, cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020).

"O que pretendemos é resolver, sen alterar a esencia do espazo existente, a integración do parque infantil no conxunto da praza e a integración desta na súa contorna" explicou o concelleiro de Obras. Gonzalo Muíños insistiu ademais en que o fundamental desta operación é ·solucionar os problemas de comunicación e accesibilidade".

Así a intervención centrarase en ampliar a superficie pavimentada creando ramplas de acceso e renovando o mobiliario urbano. "A nova Praza de León será un gran espazo arborizado e continuo para o goce de nenos e maiores", explicou Muíños, para o que se conservarán as árbores de maior porte que funcionan de barreira natural de protección visual e acústica contra a rúa de Restollal.

"Integraremos unha zona de xogo de nenos e nenas de carácter singular na praza, nunha área circular acoutada, cun pavimento interior de caucho de cores acordes aos novos xogos infantís", avanzou o concelleiro de Obras que explicou ademais que se deixará o resto do espazo libre para "poder transitar, relacionarse, descansar, xogar ou andar en bicicleta".

O proxecto conta cunha inversión total superior aos 200 mil euros e un prazo de execución de catro meses.

A operación de Reurbanización da Praza de León, forma parte da EDUSI de Santiago de Compostela, cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea (Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020).

Mellora das instalacións deportivas de Figueiras

Outro dos asuntos aos que se prevé darlle luz verde na Xunta de Goberno é á aprobación da actualización do proxecto para a mellora dos equipamentos deportivos e sociais na parroquia de Figueiras. Unha actuación que suporá unha inversión aproximada de 356.000 euros ao abeiro do plan POS+ da Deputación Provincial da Coruña, e coa que se mellorarán as pistas, en materia de accesibilidade, pero tamén no relativo á prevención do deterioro polas precipitacións do inverno.

O prazo de execución das obras é de catro meses, entre as actuacións contémplase tamén a construción dunha nova pista de pádel.

Compartir: