PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Consello Económico e Social do Concello mantén hoxe unha nova xuntanza na que se presentarán os avances no proxecto da Axenda Urbana 2030

12/12/2022 O Consello Económico e Social do Concello de Santiago, órgano de participación das asociacións e entidades do ámbito socioeconómico no seguimento das cuestións da cidade e na determinación das medidas e decisións que se toman para o futuro, celebra hoxe un novo encontro no edificio CERSIA de San Lázaro presidido polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo.

A xuntanza de hoxe centrarase nos últimos avances e próximos pasos no marco da Axenda Urbana 2030 de Santiago que serán presentados pola codirectora executiva do proxecto, María Cadaval. Neste punto tamén intervirá o profesor da USC, Melchor Fernández Fernández, para compartir algúns dos datos máis recentes sobre a situación do mercado laboral e os indicadores vinculados á implementación deste proxecto.

Ademais, tamén se dará conta dos principais resultados acadados polas tres iniciativas codeseñadas coas entidades membros do CES no marco do programa municipal Compostela Móvese: o Plan de formación para a mellora empresarial, o Concurso de boas prácticas empresarias e as Actividades de divulgación de boas prácticas empresariais.

Consello Económico e Social

O Consello Económico e Social é un órgano permanente de comunicación entre os distintos intereses económicos e sociais do Concello de Santiago e de asesoramento e diálogo entre estes e o Concello. Entre as súas funcións figuran:

- Ser informado sobre os criterios e liñas xerais do anteproxecto do orzamento municipal aos efectos do seu coñecemento en relación ás materias socioeconómicas.
- Elaborar informes, ditames ou estudios, de oficio ou a instancia do Concello de Santiago, en calquera asunto de carácter económico e social.
- Servir de canle de participación e diálogo dos interlocutores sociais no debate de asuntos de transcendencia nos ámbitos económicos e sociolaborais, co fin de potenciar o desenvolvemento económico e a creación de emprego, a implantación de novas actividades e o desenvolvemento das xa existentes.
- Propoñer solucións e criterios de actuación orientados á promoción económica e á creación de emprego no municipio de Santiago.
- Coñecer as medidas de planificación económica e social que se elaboren polo Concello de Santiago e que afectan de forma xeral aos intereses do municipio.
- Emitir anualmente, dentro do primeiro semestre de cada ano, un informe sobre a situación económica e social do municipio.

O Consello Económico e Social, presidido polo alcalde, conta con integrantes de todos os grupos municipais. Ademais, están representados neste órgano, a través dos seus titulares, a Universidade de Santiago; os sindicatos UXT, CC OO, CIG, Unións Agrarias e Sindicato Labrego Galego; Compostela Monumental; Área Empresarial do Tambre; Asociación Punto Compostela; Fundación Santiago Centro; Hostalería Compostela; Confederación de Empresarios de Galicia; Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e Círculo Financeiro de Santiago.

Compartir: