EMPREGO

O Foro Talentia Summit pon fin a unha nova edición da feira do talento e o emprego que acadou cifras récord

24/11/2022 O auditorio do Edificio Fontán da Cidade da Cultura acolleu o Foro Talentia Summit ’22, broche final da feira de talento e emprego que neste 2022 se desenvolveu do 14 ao 18 de novembro. O acto estivo presidido polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e contou coa presenza do delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e da conselleira de Promoción de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, María Jesús Lorenzana. O talento artístico tivo a súa representación en Fredi Leis, músico e compositor compostelán, que animou unha xornada cargada de innovación e coñecemento.

O Foro Talentia 2022 reuniu un ano máis a referentes do talento en diferentes áreas: Gemma Ventura Santasusana, happines hunter - experta en Procesos de Xestión da Felicidade; Juan Antonio Báez Morín, vicepresidente do Consello da Xuventude de España; Eva Porto, psicóloga, recrutadora e creadora de contidos; Luis Gil, catedrático da ETSI Montes, Forestal do Medio Natural; e Miriam Blanc, product owner – BPM, automatización, intelixencia e minería procesos

Talentia Summit ’22 en cifras

Neste edición de 2022, a feira virtual do talento e emprego de Talentia Summit concentrouse entre o luns 14 e o venres 18 de novembro, unha semana menos que en edicións anteriores, e volveu pechar con cifras récord. Reuniu a máis de 26.000 participantes virtuais conectados o 90% deles desde toda España. De Santiago de Compostela foron maioría, representando un amplo 17% dos usuarios, pero tamén se contou con moita participación desde outras cidades como Madrid, Vigo, A Coruña, Barcelona, Pontevedra ou Sevilla… e mesmo tamén doutros países: Estados Unidos, Países Baixos, Portugal, Finlandia, Francia, Colombia ou México entre outros. "Todo un éxito que o talento congregue este interese, porque significa que o talento, non só existe, senón que temos ganas, conciencia e interese por desenvolvelo", sinalou Sánchez Bugallo.

A feira contou con numerosas empresas con caseta virtual, 2.415 usuarios en formación, recibíronse máis de 2.300 currículos a través da plataforma para as 594 ofertas de emprego e xestionáronse máis de 1.100 videochamadas.

"Afortunadamente, cada vez se recoñece e se valora máis o talento no mundo laboral, pero aínda queda moito por facer. Por sorte, accións como Talentia Summit, favorecen poñer o talento en primeira liña e permiten canalizalo. As persoas debemos estar sempre no centro. En escenarios de alta incerteza, o talento é capital", rematou o alcalde.

Compartir: