TURISMO

Sindo Guinarte destaca os avances en innovación que está a experimentar Compostela no marco do proxecto Smartiago

18/10/2022 O concelleiro de Presidencia, Turismo e Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, referiuse hoxe ao proxecto Smartiago como "exemplo de innovación", na mesa redonda "O turismo da Administración Local- oportunidades da Intelixencia Artificial", enmarcada no "Congreso de Datos e Intelixencia Artificial no Sector Turístico", que se celebra ata mañá en Alcalá de Henares (Madrid) e no que expertos de cidades de toda España comparten experiencias de xestión turística.

Nesa mesa redonda púxose de manifesto a importancia que ten a dixitalización no sector turístico. Analizouse como a tecnoloxía se pode empregar na regulación de fluxos turísticos. Algo, sinalou Guinarte, no que Compostela está innovando a través do proxecto Smartiago, que no apartado de mobilidade intelixente experimenta coa intelixencia artificial (a través de sensores instalados no mobiliario urbano) para compilar datos que mediante algoritmos, sirvan para previr aglomeracións de persoas, ou prever itinerarios alternativos.

Na mesa redonda tamén interviron a concelleira de Turismo de Altea, en Alicante, Xelo González; o de Segovia, Miguel Merino; e o responsable de Turismo de Cáceres, Jorge Villar, moderados polo CEO de Open-Ideas Leonard Pera. Cada concelleiro explicou como foi a recuperación do sector turístico nas súas respectivas cidades despois da pandemia. Todos coincidiron en que está a ter unha boa recuperación. Santiago destaca pola recuperación do turismo internacional. Neste momento o número de pernoctacións de estranxeiros está por riba das pernoctacións de nacionais, cos turistas de Norteamérica e de alemaña a cabeza, o que diferenza a Compostela doutras cidades patrimonio. Sindo Guinarte tamén resaltou como a capital de Galicia, a través dos excelentes datos do aeroporto Rosalía de Castro, unido á celebración do Ano Santo, está conseguindo alongar a tempada turística e contribuir a un dos obxectivos da Concellería: a desestacionalización turística.

Outros puntos tratados foron a utilización de tecnoloxías avanzadas no ámbito da sinaléctica, que permiten mellorar a experiencia turística, como pode ser a reconstrución de espazos de xeito virtual, ou a posiblidade de coñecer virtualmente a evolución do patrimonio arquitectónico.

Compartir: