EDUCACIÓN

O Concello de Santiago abre o prazo de inscrición no servizo de comedor e madrugadores

05/08/2022 O Concello de Santiago informa que xa está aberto o prazo para inscribirse no servizo de comedor e/ou madrugadores na rede de centros públicos de educación infantil e primaria do Concello de Santiago de Compostela, para o curso escolar 2022-2023. Divídese en dúas modalidades: as novas incorporacións, que teñen de prazo ata o día 29 de agosto (incluído) para formalizar a inscrición; e as familias que durante o curso pasado fixeron uso do servizo, que quedan incorporadas automaticamente.

Novos usuarios: deberán entregar cuberto o correspondente impreso de solicitude de inscrición MODELO ED001 EDUCACIÓN (dispoñible na sede electrónica do Concello) e rexistrarse posteriormente, cando estea dispoñible a APP Cole Chef. No momento da presentación das solicitudes nos prazos establecidos, non será necesario achegar ningunha documentación. O Departamento de Educación poderá requirir ás familias a presentación daqueles documentos que sexan necesarios para verificar o cumprimento dos criterios de admisión.

Usuarios/as que fixeran uso dos servizos no curso 2021-2022. Quedan inscritos automaticamente e só terán que contratar os servizos cando estea dispoñible a APP Cole Chef.

As demandas do servizo fóra dos prazos establecidos durante o curso 2022-2023 poderán ser admitidas sempre e cando existan prazas vacantes no momento de presentar a solicitude. En todo caso, terán preferencia, as solicitudes recibidas nos prazos establecidos.

As solicitudes presentaranse segundo o MODELO ED001 EDUCACIÓN (dispoñible na sede electrónica do Concello) ben por medios electrónicos ou de xeito presencial, no Rexistro xeral do Concello de Santiago (Rúa Presidente Salvador Allende 4, Galeras) ou en calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das Administracións Públicas.

Compartir: