TURISMO

Turismo de Santiago participa en Lisboa no proxecto Bodah para a xestión de fluxos turísticos

07/07/2022 As medicións feitas no marco do proxecto Big and Open Data for Atlantic Heritage descarta problemas de masificación no Casco Histórico de Santiago. A Universidade Nova de Lisboa foi a anfitriona da reunión presencial do proxecto europeo Bodah, liderado por Turismo de Santiago.

O proxecto Bodah, que comezou en novembro do 2019, ten por obxectivo mellorar a xestión dos fluxos turísticos nas Cidades Patrimoniais do Arco Atlántico.

O primeiro paso dentro do proxecto foi definir un sistema de indicadores propio que establecese que tipo de datos son fundamentais coñecer para ter unha visión precisa da situación nas catro cidades piloto: Santiago de Compostela e San Sebastián, Pau en Francia e Cork en Irlanda.

Nunha segunda fase, fíxose un estudo preciso dos datos en Santiago durante o segundo semestre do Ano santo 2021, focalizándose no Casco Histórico da cidade. En concreto, recopiláronse datos de cinco puntos cun movemento importante de turistas: Praza do Obradoiro, Praza da Quintana, Praza de Galicia, Porta do Camiño e Praza da Algalia de Abaixo.

En total, no verán pasado fixéronse 120 medicións específicas dos tránsitos de persoas nos cinco puntos. Todas as medicións quedaron amplamente por riba do espazo mínimo definido para considerar que se está a producir unha situación de masificación nun espazo patrimonial.

Na reunión de Lisboa tratouse o estado das propostas sobre Modelos de Xestión dos Fluxos Turísticos, en base aos datos recabados con anterioridade. No caso de Santiago, na súa elaboración está traballando o Centro de Estudos Turísticos (Cetur) da Universidade xunto con Turismo de Santiago.

No Bodah, xunto coa entidade de promoción turística municipal de Santiago, participan Fomento de San Sebastián, a Fundación Santa María la Real del Patrimonio Histórico, a Universidade Nova de Lisboa, Cork Institute of Technology, Glasgow Caledonian University e Bangor University. O proxecto Bodah desenvólvese dentro do programa Interreg Atlantic Area, cun orzamento total de 1.573.373 euros, dos que un 75% apórtaos o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

Compartir: