XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o II Plan de Contratación, que recolle 150 contratos cun valor estimado de 684 millóns de euros

04/07/2022 A Xunta de Goberno local deu luz verde ao II Plan de Contratación, que inclúe 150 contratos cun valor estimado total de 683.937.482,12 euros. Foi un dos asuntos máis destacados da primeira sesión ordinaria do mes de xullo, na que tamén se aprobou o expediente para a realización das obras de reacondicionamento da plataforma da marquesiña de Xoán XXIII.

O Plan de Contratación ten a finalidade de dar a coñecer nun único documento as necesidades institucionais que pretenden cubrirse mediante os contratos recollidos nel. Inclúe todos os contratos obxecto de licitación no exercicio 2022 e é un documento programático e de mera previsión, en tanto que contén datos de carácter estimativo e non vinculantes.

A previsión do II Plan de Contratación do Concello de Santiago de Compostela recolle un total de 150 contratos cun valor estimado de 683.937.482,12 euros. O valor de cada contrato inclúe o orzamento total de licitación, xunto coas súas posibles prórrogas e modificación orzamentarias, sen o IVE.

Segundo indicou o alcalde de Santiago en rolda de prensa, con respecto ao I Plan, "desaparecen contratos como o do Servizo de Axuda no Fogar, limpeza ou parques e xardíns, que xa están contratados" e inclúense outros, en función das novas necesidades municipais. Sánchez Bugallo fixo repaso do estado dos seis contratos principais do Concello: "agora mesmo xa están tres contratados e están pendentes outros tres". Con respecto ao de iluminación, trabállase coa "hipótese de que poida saír a finais deste mes". Se non fose posible, este contrato, de arredor de 37 millóns de euros, quedaría para principios de setembro. En canto ao de transporte, "está practicamente ultimado", pendente do informe dun órgano estatal, polo que o rexedor agarda que "en setembro se poida tomar a decisión de licitar o transporte público". Por último, fixo referencia ao contrato da auga, sobre o que indicou que "temos unha dificultade que deberá resolver o pleno, que é se se lle dá luz verde á licitación ou non".

Outros asuntos
A Xunta de Goberno local tamén aprobou o expediente de contratación denominado "Obras de reacondicionamento da Plataforma da Marquesiña de Xoán XXIII" mediante procedemento
aberto simplificado e tramitación ordinaria, cun gasto total de 216.768,97 euros (base impoñible de 179.147,91 euros e IVE do 21% por importe de 37.621,06 euros).

Así mesmo, deu luz verde ao texto do convenio de colaboración para o ano 2022 entre o Concello e a USC pola contía de 10.000,00 € para a posta en marcha do Programa de Saúde Bucodental para persoas con risco de exclusión social. No ámbito dos convenios coas entidades sociais, aprobouse a xustificación dos relativos a Cruz Vermella e Cáritas Diocesana e tomouse coñecemento da sinatura dos de Xoán XXIII, Fundación Proxecto Home, Cociña Económica, Cáritas Diocesana (programa Alares), Cáritas Interparroquial (programa Vagalume), e USC (Verán CampUSC).

Documentos relacionados



Compartir: