ALCALDÍA

O Concello celebra os 20 anos do Estatuto da Capitalidade de Santiago

29/06/2022 O salón nobre do Pazo de Raxoi acolleu esta mañá o acto de conmemoración do 20 aniversario da promulgación do Estatuto da Capitalidade de Santiago, ao que asisitiron o alcalde Xosé Sánchez Bugallo; o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; entre outras autoridades e membros das corporacións acual e de 2002.

O Concello celebrou esta mañá o acto que conmemora o vinte aniversario do nomeamento de Santiago como capital de Galicia, un recoñecemento que se materializou o 24 de xullo de 2002 coa aprobación unánime por parte do Parlamento de Galicia, e a posterior publicación no DOG, da Lei do estatuto da capitalidade. Isto foi posible grazas á vontade conxunta da Corporación municipal compostelá e da Xunta de Galicia, que conseguiron consensuar o texto que recoñece o estatuto especial de Compostela como sede das institucións autonómicas e recolle os mecanismos necesarios para o tratamento xurídico-administrativo e financeiro da capitalidade desta cidade.

Durante a súa intervención o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, explicou que con este avance "deuse solución a unha anomalía histórica que se viña prolongando desde había moito tempo", respondendo así "á aspiración do conxunto dos galegos e galegas, e especialmente das veciñas e veciños de Santiago", no que tamén vén sendo unha "reparación histórica". Ademais, o rexedor salientou que o Estatuto saíu adiante "sen ningún voto en contra", xa que "foi o resultado da unión de todos e unha demostración práctica de que determinados temas deben retirarse do debate político, poñendo o ben do país por enriba de todo".

Ademais dos membros do Consello da Capitalidade, no acto tamén estiveron presentes os representantes dos partidos políticos da Corporación municipal; o reitor da USC, Antonio López; o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; así como representantes do Aeródromo militar, da Garda Civil, da Policía Nacional e Local e do Consorcio de Santiago.

Estatuto da Capitalidade

A fixación de Santiago como sede das institucións autonómicas supuxo un fito que engadiu, á xa tradicional dinámica da cidade, a necesidade de afrontar novos retos, particularmente en relación coa prestación de servizos públicos, así como coa implantación de dotacións e equipamentos, determinados directamente pola presenza das institucións autonómicas no termo municipal.

Para a xestión deste novo desafío creouse o Consello da Capitalidade, un órgano colexiado de carácter permanente formado por representantes do Concello de Santiago e da Xunta de Galicia, cuxo obxectivo é coordinar as respectivas competencias e responsabilidades derivadas da capitalidade. A función deste órgano é adoptar acordos en relación coas materias que lle correspondan a Santiago como capital de Galicia, así como a valoración dos custos que esta condición conleva para a cidade e o establecemento dos instrumentos de compensación precisos.

Compartir: