ALCALDÍA

O alcalde asiste á inauguración do primeiro centro de Galicia especializado na captación e xestión de fondos Next Generation para os concellos, impulsado pola Deputación da Coruña

03/06/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asisitiu esta mañá, xunto ao presidente provincial, Valentín González Formoso; á alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e numerosos rexedores da zona, á inauguración do novo centro "Next Deputación", o primeiro centro de Galicia creado especificamente para dar apoio aos municipios na captación e xestión de proxectos susceptibles de ser financiados con fondos Next Generation da UE.

A nova oficina Next Generation dará asesoramento aos 93 concellos da provincia co obxectivo de posicionalos como potenciais beneficiarios dos fondos europeos, "miles de millóns de euros que a Unión Europea asigna a España e que queremos que se concreten e aterren nos territorios. O noso obxectivo é situar á provincia da Coruña á vangarda de España neste ámbito e que ningún concello perda esta oportunidade histórica por falta de medios técnicos", afirmou Formoso. "É un esforzo económico moi importante da Deputación e por iso imos ser moi coidadosos con que a oficina sexa unha ferramenta útil", subliñou o presidente provincial, que expresou a súa confianza de que "vai ser unha aposta moi ben valorada polo mundo municipal e empresarial da provincia".

Durante a visita todos os dirixentes municipais tiveron ocasión de coñecer de primeira man as instalacións, localizadas no Edificio de usos múltiples da Capela, saudar os técnicos que traballan no centro e compartir visións, expectativas e opinións sobre as posibilidades que os fondos Next Generation brindan para o desenvolvemento da provincia e o que esta oficina pode supoñer á hora de presentar proxectos de éxito.

Mediante esta actuación a Deputación da Coruña pretende anticiparse e establecer os mecanismos necesarios para posicionar os concellos da provincia como potenciais beneficiarios dos fondos europeos, permitindo a captación eficiente dos mesmos e aproveitando ao máximo as oportunidades no marco de apoio público existente a nivel autonómico, nacional e europeo para o desenvolvemento de proxectos polas administracións locais que contribúan ao progreso no territorio.

Para a prestación deste servizo desde a Oficina Técnica realizaranse traballos de análise e definición das prioridades estratéxicas para o desenvolvemento da provincia, así como a identificación de convocatorias, e a posterior preparación e presentación de proxectos no marco das distintas convocatorias dos fondos Next Generation.

Compartir: