DEPORTES

Máis de 350 atletas participarán este sábado na XIX edición do Dúatlon Cidade de Santiago

16/03/2022 A concelleira de Deporte, Esther Pedrosa, acompañada por Brais Otero Lestón, tesoureiro do Club Tríatlon Santiago, presentou hoxe os detalles do XIX Dúatlon Cidade de Santiago e do XXII Dúatlon Escolar Cidade de Santiago, que terán lugar o vindeiro sábado 19 de marzo nas inmediacións do Estadio Municipal Verónica Boquete. Os dous torneos están organizados polo Club Tríatlon Inforhouse Santiago e pola Federación Galega de Tríatlon, coa colaboración do Concello de Santiago.

O Estadio Municipal Verónica Boquete acollerá este sábado a partir das 14:30 h as probas clasificatorias para os Campionatos Galegos SuperSprint do Circuíto Mozo e Absoluto de Duatlón por Estrada, que contarán cunha participación de 150 deportistas (límite máximo) no Circuíto Mozo e sobre 210 deportistas na proba absoluta, das cales 35 serán mulleres.

A proba do Circuíto Mozo comezará as 14:30 h. En primeiro lugar deben facer dous km de carreira a pé polas bancadas da zona de aparcamento do estadio municipal seguidos de 7,2 km de ciclismo na estrada que leva ao Monte do Gozo e finalmente outra carreira a pé de 1 Km ao redor do estadio.

A proba para adultos constará de tres saídas. Comezará ás 15:30 coa saída masculina sen tempo de corte, ás 17:15 será a saída masculina con corte e finalmente ás 17:30 a saída feminina. Neste caso as distancias serán de 5 km de carreira a pé, seguido por un circuíto de ciclismo de 18,5 km co atractivo de ter que subir tres veces ó Monte do Gozo e finalmente outra carreira a pé de 2,5 km.

XXII Dúatlon Escolar Cidade de Santiago
Tamén no Estadio Municipal Verónica Boquete celebrarase pola mañá o XXII Dúatlon Escolar Cidade de Santiago a partir das 10:00 h, proba que será clasificatoria a nivel provincial dentro do programa Xogade promovido pola Secretaría Xeral para o Deporte. Esta competición está dirixida a rapazas e rapaces nados entre o 2008 e 2013. Ademais haberá unha proba non competitiva para os máis pequenos, nados entre 2014 e 2016, que teñan os 6 anos cumpridos. As saídas serán por categorías e percorrerán distancias entre 200 e 1200 metros na carreira a pé, e entre 1 e 5,4 km no sector de bicicleta.

Compartir: