MOBILIDADE E SEGURIDADE CIDADÁ

O Concello de Santiago porá en marcha a partir do 1 de febreiro a Policía de Distrito, á que destina 71 efectivos

28/01/2022 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños, iniciaron hoxe a rolda de contactos coas distintas asociacións veciñais da cidade para darlles a coñecer a iniciativa da Policía de Distrito, que busca unha maior proximidade entre o corpo policial e a veciñanza. En total destinaranse 71 efectivos dos 122 existentes aos catro distritos nos que se divide o concello.

Nesta primeira xuntanza participaron as asociacións de veciños das Fontiñas, Raigame, Barrio Xardín, FERUSA, Ruta Xacobea, Cidade Histórica e Fonseca. Está previsto que ao seguinte encontro asistan as de Vite, Vista Alegre e o Castiñeiriño, entre outras.

A "policía de distrito" (policía comunitaria, policía de barrio, etc.) baséase nun concepto preventivo e descentralizado que ten como obxectivo xerar vínculos fortes entre a policía e a veciñanza, así como un sentimento de confianza na cidadanía. "Trataríase dun sistema de traballo capaz de manter unha visión actualizada das grandes e pequenas situacións de conflicto, e isto é posible mediante o coñecemento e seguimento dos problemas que de forma cotiá suceden no vecindario", indicou o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños.

"A asignación dos mesmos efectivos policiais a cada distrito aumenta a sensación de contar cunha policía máis cercana e permite unha intorlocución máis próxima", engadiu Muíños. O edil fixo fincapé tamén en que "para acadar os mellores resultados é necesario ese contacto coa comunidade (veciñal, asociativa, educativa, asistencial, etc.), o que incrementará o fluxo de información, redundará nun mellor coñecemento dos problemas e nun inmellorable punto de partida para tentar solventalos".

Distritos e efectivos
O municipio dividirase en catro distritos do seguinte xeito:

1. Distrito 1: correspóndese coa Zona Monumental e contará cun equipo integrado por 1 inspector, 3 oficiais e 16 policías.

2. Distrito 2: está dividido en dous sectores. O sector 1 comprende o Ensanche e o sector 2 está conformado polas zonas de Vista Alegre, Campus Universitario, San Lourenzo, Conxo, Santa Marta, Vidán e A Rocha. A este distrito estarán adscritos 1 inspector, 4 oficiais e 18 policías.

3. Distrito 3: tamén dividido en dous sector e coa mesma dotación que o anterior distrito. O sector 1 está conformado polos barrios de Vite, As Cancelas, San Pedro, Concheiros e o polígono industrial do Tambre. O sector 2 abrangue as zonas de San Lázaro, Fontiñas, Pontepedriña, Castiñeiriño e os polígonos industriais da Sionlla e Costa Vella.

4. Distrito 4: rural e periferia e tamén funcións específicas de medio ambiente. A especificidade dos cometidos do Distrito 4 (control de incidencias en parques, animais potencialmente perigosos, verteduras, vertedoiros incontrolados, etc.) fai que non só atendan os que lles son propios no seu ámbito territorial senón que tamén poidan actuar no ámbito territorial dos outros distritos. Están adscritos 4 policías.

Os equipos estarán coordinados por un inspector principal, que eleva a cifra total de efectivos destinados a esta unidade a 71. Para contactar co servizo, ademais de poder facelo a través dos teléfonos habituais da Policía Local, habilítase unha conta de correo electrónico: policiadistrito@santiagodecompostela.gal

Compartir: