MEDIO AMBIENTE

O Concello pon en marcha un novo servizo de puntos limpos móbiles no marco do proxecto "Recíclame Compostela"

20/12/2021 A Concellaría de Medio Ambiente do Concello de Santiago pon a disposición da cidadanía novas opcións de recollida de residuos non voluminosos e reciclaxe de lixo domiciliario especial.

Os novos puntos móbiles permanecerán nun mesmo lugar durante varios días facilitando así o acceso da cidadanía, e completando o servizo prestado todos os sábados de 10.00 h a 13.00 h por un vehículo con plataforma móbil.

A posta en marcha deste novo servizo foi posible grazas ás axudas recibidas da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A quen está dirixido?

Os destinatarios do proxecto Punto Limpo Móbil "Recíclame Compostela" son:

- A cidadanía de Santiago (asociacións, barrios, grupos de veciños,...): instalaranse en barrios/zonas do Concello de Santiago durante uns días co propósito de que a veciñanza poida depositar os seus residuos.
- A comunidade escolar do Concello de Santiago: instalaranse nos centros educativos, de xeito que xunto á charla de divulgación previa a comunidade escolar poda achegar os residuos ao punto limpo móbil que se atopa na súa escola.

A solicitude do servizo destes novos puntos limpos móbiles está aberta a calquera tipo de colectivo social, dende colexios ata asociacións veciñais que deberán cubrir a solicitude anexa e remitila ao Concello de Santiago a través da sede electrónica (rexistro electrónico) do Concello de Santiago, ou ben pedir cita previa no Rexistro Xeral do Concello de Santiago ou empregar a Red SARA para a presentación da solicitude. Terase en conta a data de entrada no rexistro.

Que residuos se poden depositar nos puntos limpos móbiles?

Os residuos especiais que se van recoller son:

- CD e DVD
- Metais
- Radiografías
- Pequenos aparellos electrónicos
- Baterías e pilas
- Botes de pintura baleiros
- Lámpadas
- Aerosois baleiros
- Roupa estragada non apropiada para o depósito nos colectores de roupa.
- Plásticos non envases (por exemplo, xoguetes estragados non reutilizables)
- Poliestireno expandido (porexpán)

Para máis información pódese consultar a "Guía para unha correcta separación dos residuos domésticos e manual de uso" da Concellaría de Medio Ambiente onde se recollen os teléfonos de interese dos puntos limpos fixos, móbiles e da recollida de residuos voluminosos, indicando que tipo de residuos se recolle en cada instalación.

Compartir: