ALCALDÍA

Máis de mil empresas de Compostela beneficiáronse das axudas convocadas polo Concello

03/12/2021 O alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, amosou a súa satisfacción por ter conseguido mobilizar 9 millóns de euros no último ano, 7 deles en axudas directas, para máis dun milleiro de empresas dos sectores comercial, hostaleiro e cultural.

Lembrou o rexedor que na Xunta de Goberno extraordinaria celebrada onte se aprobou o pagamento de 463 axudas a entidades do sector turístico e hostaleiro por importe de 1.740.000 euros, "que se unen aos 1.800.000 euros que se pagaron a 483 comercios hai pouco e aos 550.000 a entidades culturais". A estes máis de 4 millóns engádense "as axudas de marzo-abril, por 3 millóns de euros, o que fai un total de 7 millóns de euros en axudas directas".

A esa cifra súmase a cantidades destinada aos Bonos Corazón Compostela. A día de hoxe fixéronse efectivos 18.197 bonos, que levan aparellados un total de 1.349.890 euros. O alcalde recordou que o prazo para gastalos remata o 10 de decembro e que aínda "quedan uns dous mil".

En total, o Concello "achegou sobre 9 millóns de euros para apoiar os sectores comercial, hostaleiro e cultural, cifra da que nos temos que sentir moi orgullosos".

Previsións para a ponte da Constitución
Tamén se amosou satisfeito o rexedor polas previsións de ocupación para a ponte, non obstante, fixo fincapé na necesidade de seguir mantendo a prudencia de cara ás vindeiras festas pois Santiago chega a este mes "cuns parámetros de casos activos de Covid semellantes ao ano pasado por estas datas". A diferencia, indicou Sánchez Bugallo, "e que o 90% da poboación está vacinanda".

Sobre a viabilidade de manter tanto a festa de Fin de Ano no Obradoiro como a Cabalgata, o alcalde indicou que se vai "facer o posible por non cancelar nada", pero é probable que sexa preciso limitar a capacidade e pedir pasaporte covid para Noitevella.

Parque comarcal de Bombeiros
Preguntado pola xuntanza celebrada esta mañá cos alcaldes da mancomunidade, o rexedor indicou que a este encontro non puido asistir o director xeral de Emerxencias por enfermidade e remitiu a unha futura rolda das tres administracións implicadas (Xunta, Deputación e Concello)para informar pormenorizadamente sobre o parque. Non obstante, indicou que o encontro "serviu pera que os concellos coñeceran como está a situación". Sánchez Bugallo avanzou que "haberá parque comarcal de bombeiros e completarase a obra do parque de Salgueiriños". "A nosa previsión é asinar un convenio no primeiro semestre do ano", anunciou.

Compartir: