TURISMO

Turismo de Santiago confirma a súa aposta polo Nadal como atractivo turístico

02/12/2021 Tralo éxito do ano pasado, Turismo de Santiago consolida as accións de Nadal, como a ruta "Luces e Voces da Alameda compostelá", un percorrido polo emblemático parque, acompañado de luz e cor ao longo das vindeiras festas

Turismo de Santiago desenvolverá unha ampla variedade de accións para poñer en valor o Nadal da capital galega como atractivo turístico, segundo explicou o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, nunha rolda de prensa celebrada no Pazo de Raxoi, na que estivo acompañado da responsable do departamento de Marketing da entidade municipal, Yolanda Ferro.

Tralo éxito que tiveron as accións o ano pasado, Turismo de Santiago volve a facer unha importante aposta para que as imaxes dunha cidade chea de luz en Nadal sirvan tanto para captar visitantes nestas datas como para lembrar que o Ano Santo continúa en 2022.

Unha das principais accións é a ruta "Luces e Voces da Alameda compostelá", un singular percorrido polo parque da Alameda, destacando os personaxes senlleiros e outros fitos da historia de Santiago e Galicia presentes neste xardín emblemático. Os puntos da ruta serán obxecto de intervencións de luz e cor dende mañá, 3 de decembro e ata o domingo 9 de xaneiro, todos os seráns a partires das 18.00 horas. Contará, ademais, cun folleto-plano dispoñible na oficina central de Turismo de Santiago e tamén na web www.santiagoturismo.gal/nadal, onde se poderá consultar toda a información sobre o Nadal en Santiago.

O percorrido comprende ata 13 puntos iluminados: a entrada principal da Alameda en Porta Faxeira; as esculturas das Marías, Valle-Inclán e Isaac Díaz Pardo; o Banco dos namorados; a estatua da Leiteira; a fonte "romántica"; o monumento a Rosalía de Castro; a talla de Federico García Lorca; o monumento a Pais Lapido-"Alegoría de Galicia"; o Pavillón de Recreo (Escola Infantil de Santa Susana), de Antonio Palacios; a escultura de homenaxe a Castelao e a Igrexa de Santa Susana.

Outra das accións máis salientables é a que se levará a cabo na Casa da Conga, na Praza da Quintana. Neste lugar, faranse proxeccións de ilustracións de novos creadores galegos. Serán un total de 9 profesionais da ilustración os que amosen a súa obra neste escaparate de excepción ao carón da Porta Santa. Os artistas seleccionados, que se dividirán este ano en tres quendas distintas son: Sr. Reny, Bea Lema, Hei Castro, Nuria Díaz, Iván R., David Pintor , María Viñas, Chachachá Estudio e Jano Ilustración. Turismo de Santiago tamén iluminará a fachada doutro edificio crucial e de especial significación para a cidade e para toda Galicia: San Domingos de Bonaval. Da a casualidade que estas accións fanse en edificios asinados polo arquitecto Domingo de Andrade, xusto no ano no que se lle adica o Día das Artes Galegas.

Ademais, Turismo de Santiago posibilita un ano máis o Belén Tradicional da igrexa románica de San Fiz de Solovio, que este ano se enriquece con 150 figuras a maiores, dos anos 50, polo que se achega ás 500 figuras, todas feitas a man. Este nacemento é cedido e montado cada ano por José Uzal, e inclúen diferentes escenas, pezas en movemento e tamén iluminación e son, ademais de efectos especiais cos que nos sorprende o belenista cada ano (néboa, tronos, etc.). O Belén poderá visitarse do 3 de decembro ata despois de Reis.

Dende Turismo de Santiago queren agradecer ás múltiples persoas, entidades e institucións que colaboran nestas accións. Trátase do belenista José Uzal, o Arcebispado de Santiago, titular da Igrexa de San Fiz de Solovio, o Mercado de Abastos e o Colexio Maior de Santo Agostiño. Tamén agradecer á Delegación de Galicia do CSIC, que é actualmente a entidade titular da Casa da Parra, dende onde se fan as proxeccións; e a todos os titulares da fachada da Casa da Conga: a Fundación Campus Stellae, o COAG, a Creperie Cre-Cotte e o Pub La Quintana. Por último, pola acción en San Domingos de Bonaval, os agracedementos para o CGAC, o Museo do Pobo Galego e o Arcebispado de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: