OBRAS

Rematan as obras das beirarrúas da avenida de Salamanca, que permitirán aumentar a seguridade peonil nesta zona

21/10/2021 Acaban de rematar as obras das beirarrúas da avenida de Salamanca, nas que se investiron sobre 40.000 euros e que permitiron, co arranxo das beiarrúas, mellorar a accesibilidade e a seguridade peonil. As actuación realizadas explicounas, en rolda de prensa, o concelleiro de Barrios e Obras, Javier Fernández.

O concelleiro indicou que a brigada de obras actuou sobre 1.368 metros cadrados. Os traballos realizados foron:

-A retirada das baldosas de 30 por 30 centímetros. Estaban moi deterioradas, algunhas faltaban, quedando á vista o óco co formigón, o que orixinaba importantes irregularidades; e outras estaban soltas. Substituíronse por un pavimento continuo de formigón armado desactivado para uso peonil, cun acabado moi similar ao xa existente noutras rúas da cidade, como son a rúa do Espírito Santo, rúa da Pastoriza ou rúa dos Basquiños.

-Realizáronse tamén diversas actuacións de mantemento sobre os bordes de granito das beirarrúas; tendo especial coidado co despece de xuntas, evitando fisuracións.

-Nas zonas onde había pasos de peóns, colocáronse pavimentos de lousa hidráulica gris, tanto direccional como con resaltos cilíndricos, tipo botón.

O responsable de Barrios e Obras engadiu que "aínda que non son grandes actuacións, si eran traballos que había que facer para incrementar a seguridade destas beiarrúas e da zona. E así nolo trasladou a veciñanza en varias ocasións". Esta actuación, que comezou no mes de xuño, "era unha prioridade; e debería ter continuidade coa dotación de recursos e a reurbanización de toda a contorna", engadiu.

Javier Fernández sinalou que foi posible realizar esas obras con fondos propios, "grazas ao traballo, tanto do departamento de Obras, como da brigada". Un labor que agradeceu, igual que o comportamento da veciñanza, sobre todo da avenida de Salamanca como de Concheiros, á que deu as grazas pola "súa comprensión e paciencia. Sabemos que as obras sempre ocasionan problemas e son molestas, pero estou seguro que paga a pena o esforzo.

Compartir: