ALCALDÍA

O singular e histórico Carballo do Banquete, candidato a Árbore Europea do ano 2022

21/10/2021 O bicentenario Carballo do Bosque do Banquete de Conxo quere converterse na Árbore Europea do ano 2022. Previamente precisa gañar o título de Árbore de España, para o que ten que competir con outras dez árbores de diferentes comunidades autónomas. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Medio Ambiente, Mila Castro; polos voceiros dos grupos municipais popular, Alejandro Sánchez-Brunete, e do BNG, Goretti Sanmartín; e pola concelleira de CA Branca Novoneyra, presentou a candidatura e animou a cidadanía a votar polo Carballo do Banquete, única árbore que representa a Galicia.

O concurso Árbore Europea do Ano, organizado por Bosques sin Fronteiras, celébrase desde 2011 e ten como obxectivo destacar as árbores antigas como importante patrimonio natural e cultural a conservar. As votacións son públicas e poden realizarse na web arboleuropeo.es ata o vindeiro 20 de novembro.

Para emitir o voto é necesario acceder ao apartado ‘Votar por unha árbore', onde se amosan todas as candidaturas. Unha vez seleccionada unha, requirirase un email a onde se enviará un correo que haberá que confirmar para validar a participación. O rexedor compostelán e todos os asistentes animaron a cidadanía a votar polo Carballo e a difundir a riqueza da contorna.

Carballo do Bosque do Banquete de Conxo
Este carballo está emprazado no bosque de Conxo, que albergou máis dun milleiro de árbores desta especie, aínda que na actualidade tan só sobreviven menos de medio cento. O candido a Árbore Europea é o máis antigo do lugar, con máis de 250 anos, polo que se lle coñece como "O Avó". Atópase no treito final do Camiño Portugués, a 200 metros da ‘Fonte da Virxe da Concha’ (citada por Tirso de Molina no século XVII) e a 300 do Monasterio de Conxo (que dispón dun claustro románico do século XII).

Cun perímetro no seu tronco de preto de 4 metros e unha altura de 30, o Carballo do Bosque do Banquete de Conxo é unha das árbores monumentais máis destacadas de Galicia e o único da comunidade que se presenta ao concurso Árbore Europea do ano.

A árbore foi testemuña dun fito histórico: o 2 de marzo de 1856 celebrouse unha comida onde estudantes universitarios, que pertencían á alta clase social, serviron a obreiros e artesáns como símbolo democrático de fraternidade. Nun momento onde as desigualdades entre clases eran colosais na capital galega, provocadas en parte pola perda de colleitas que se produciron nos anos previos, este evento, o chamado Banquete de Conxo, tivo unha gran repercusión na sociedade da época.

Ese espazo natural que o acolleu foi rehabilitado e aberto ao público na primavera de 2018 tras máis dun século abandonado. Con tal motivo celebráronse dúas edicións da Festa do Banquete, ata que chegou a pandemia da Covid. Na última, que data do 2019, congregáronse preto de 5.000 persoas.

Neste exemplar de Quercus robur L. concorren o seu indubidable valor botánico, polo seu singular porte e antigüidade e por formar parte dunha carballeira centenaria, unha das formacións de árbores caducifolias máis representativas de Galicia; e a súa peculiar localización, nas ribeiras do Sar, un río máxico para o pobo galego, que fai que estea repleto de simbolismo ecolóxico e cultural.

Nestes tempos de crise global da biodiversidade, a súa conservación e resistencia ao paso do tempo é á vez un excelente exemplo e unha responsabilidade para as xeracións vindeiras. A súa presenza na obra literaria de Rosalía de Castro e na memoria colectiva dos composteláns, así como a súa condición de testemuña, durante máis de dous séculas, do paso dos peregrinos a Santiago, a través do Camiño Portugués, fan que este carballo centenario sexa unha árbore singular e un excelente candidato para representar a España no 2022.

Compartir: