XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local adxudica as obras de selado e clausura do vertedoiro de Aríns e o contrato da iluminación de Nadal

20/10/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, acordou hoxe adxudicar o contrato de " Execución do proxecto de adecuación, selado e clausura do vertedoiro de Aríns", á empresa Explotaciones Gallegas S.L., por un importe de 842.424 euros, IVE incluido, ao ser a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas.

O vertedoiro atópase en terreos municipais, no emprazamento da antiga mina de Fornás, da compañía Río Tinto, a uns 100 metros ao sur da aldea do mesmo nome, na parroquia de Aríns. A superficie do vertedoiro, máis áreas anexas é de 2,87 hectáreas. O obxectivo principal do selado é subsanar os riscos e efectos ambientais negativos producidos como consecuencia da antiga actividade.

Os criterios de actuación son os seguintes: illamento dos residuos acumulados; creación de capas de selado de maior estabilidade temporal, mediante taludes con pendentes adecuadas e bermas intermedias; control de augas superficiais para minimizar escorrentías ou fluxos descontrolados; control de calidade das augas subterráneas para evitar afeccións; facilidade de acceso; recuperación de calidade paisaxística e minimización dos posibles impactos ambientais.

Tamén se adxudicou o contrato que ten por obxecto a subministración, instalación, posta funcionamento, mantemento e posterior retirada, en réxime de aluguer, dos elementos decorativos de alumeado do Nadal 2021 e 2022 á empresa "Iluminacións Santiaguesas SL", por un importe total de 495.495 euros.

O último punto aprobado, foi a concesión, á empresa "Construcciones D. Ogando SL", unha ampliación de seis semanas do prazo de execución das "Obras de remate da rehabilitación Ponte Vella da Rocha", que promove a concellaría de Medio Rural.

Documentos relacionados



Compartir: