TURISMO

Turismo de Santiago lanza a campaña "Somos Anfitrións" para captar turismo de congresos

20/10/2021 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da Universidade de Santiago, Mar Lorenzo, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, presentaron no Pazo de Raxoi a nova campaña do Santiago de Compostela Convention Bureau, servizo de Turismo de Santiago, dirixida á captación de turismo de congresos baixo o lema "Somos Anfitrións".

Segundo apuntou Sindo Guinarte, o Turismo Mice, que engloba Congresos, Incentivos, Convencións e Eventos, é un tipo de turismo estratéxico para Santiago de Compostela, xa que fomenta a desestacionalización da demanda grazas a que a maior parte dos encontros organízanse fora dos meses centrais do verán, e aporta un alto valor engadido con respecto ao turismo tradicional polo elevado gasto medio dos participantes.

Neste sentido, o concelleiro subliñou que, dentro da crise global do sector turístico xerada polo Covid-19, o turismo MICE é un dos máis afectados xa que, ademais das restricións á mobilidade, enfróntase tamén coas restricións de aforos existentes, tanto en espazos abertos como pechados.

A campaña "Somos Anfitrións" ten como obxectivo xeral a reactivación do sector congresual en Santiago a curto e medio prazo, tal e como se está producindo nos últimos meses co turismo tradicional na cidade, con máximos de pernoctacións de turistas españois tanto en xullo como agosto.

"Somos Anfitrións" diríxese a prescriptores e promotores da propia cidade para animarlles a impulsar a organización de Congresos e Eventos relacionadas coas súas áreas de traballo, lembrándolles que teñen a súa disposición os servizos do Santiago de Compostela Convention Bureau.

Neste sentido, estase contactando cun cento de profesionais destacados da cidade para manter reunións persoais para amosar os servizos que presta o Santiago de Compostela Convention Bureau e as canles a través das que pode axudarlles na organización dun congreso. En concreto, estase contactando con Xefes de Servizo do Hospital Clínico Universitario de Santiago, Xefes de departamento da USC e Directores de centros de investigación en Santiago.

Compartir: