MEDIO RURAL

Rematada a senda peonil de Paredes Laraño, que permitirá mellorar a seguridade da veciñanza

25/09/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado do concelleiro de Medio Rural, José Manuel Pichel, e dunha representación da directiva da Asociación de Veciños A Xunlla, supervisou hoxe o remate das obras da "Senda peonil e reforzo da calzada en Paredes de Laraño", nas que se investiron 126.420 euros.

Esta actuación, que tivo un prazo de execución de catro meses, enmárcase dentro do plan POS+ que desenvolve a concellería de Medio Rural en coordinación coa Deputación Provincial da Coruña.

Este ivenstimento, segundo explicou José Manuel Pichel, permitiu prolongar a beirarrúa existente na Rúa da Xunlla, conectándoa "de forma segura coa parcela onde se atopa o centro sociocultural da parroquia e a escola infantil do Rial". Ademais, mellorouse o acceso peonil ás vivendas existentes no tramo. No tramo correspondente á estrada Bugallido-A Barcia mellorouse tamén o pavimento de rodaxe da calzada.

O concelleiro de Medio Rural agradeceu a colaboración da Asociación de Veciños de A Xunlla, no referido ás afetacións de bens dos titulares das parcelas e vivendas lindantes. Por parte da asociación veciñal estiveron presentes nesta visita a presidenta Lucita Rey; a vicepresidenta Pilar Mayo; e o tesoureiro da entidade, José Manuel Martínez.

Por outra banda, a Concellería de Medio Rural está traballando na redacción do proxecto construtivo para a ampliación da ponte do río Sar situado na Rúa da Xunlla, que actualmente soporta unha elevada circulación de vehículos provenientes da autoestrada Santiago-Brión, que acceden á zona sur da cidade.

Compartir: