ACCIÓN CULTURAL

Alfonso Blanco Quintela gaña o "III Premio Realia de Tradución Literaria"

25/09/2021 Alfonso Blanco Quintela acaba de gañar o III Premio Realia de Tradución Literaria, pola tradución, ao galego, da obra "As consecuencias da vella historia", escrita por Georgios Viziinos, e publicada orixinalmente en lingua grega en 1884. Blanco Quintela, que se presentou baixo o pseudónimo de Asier Ortegal, percibirá unha contía en metálico de 1.500 euros. A maiores, a súa tradución será publicada nos vindeiros meses nunha das dúas coleccións da editorial Huguin e Munin.

O xurado considera que a tradución asinada por Blanco Quintela é digna vencedora por varios motivos. Entre eles a riquez do seu léxico, cun uso adecuado da sinonimia, así como por escolmar con acerto a literatura grega de finais do século XIX até dar cun texto e cun autor ben coñecidos pero escasamente representados no ámbito ibérico. En consencuencia, segundo explican os membros do xurado na acta, "recoñéceselle ao tradutor non só que saiba traer de maneira eficaz un texto en tradución directa do grego ao galego, senón tamén a súa contribución ao encher un pequeno baleiro no corpus galego de tradución". Tamén salientan que, "se ben é certo que a obra aínda precisa dun traballo de edición, este parece asumible, pois á calidade do orixinal cómpre sumarlle, en definitiva, unha tradución competente, que cos procesos de revisión aínda por chegar pode converterse nunha estupenda proposta literaria para os lectores e lectoras en galego".

Os premios Realia de tradución, convocados polo concello de Santiago a través da concellaría de Acción Cultural, en colaboración coa Editorial Hugin e Munin, teñen unha periodicidade bianual. Os seus obxectivos son difundir e recoñecer traducións inéditas á lingua galega de obras narrativas, circunscritas ao xénero da novela e da novela curta; e outorgarlle visibilidade e recoñecer o traballo dos profesionais da tradución, coa publicación da obra nalgunha das coleccións da editorial. A obra gañadora será cedida á Biblioteca Virtual (BIVIR) da Asociación de Tradutores Galegos pasado un ano da súa publicación en papel.

Alfonso Blanco Quintela
Alfonso Blanco Quintela naceu en 1969 en Carballo, vila na que realizou os estudos
primarios. Cursou estudos secundarios no IES Alfredo Brañas da mesma localidade. Licenciouse en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) no ano 1992, obtendo o Premio Extraordinario Fin de Carreira. En 1994 obtivo a Diplomatura en Filoloxía Hispánica pola mesma Universidade. Durante o curso 1994-95 gozou dunha Bolsa de Doutoramento no Departamento de Latín da Facultade de Filoloxía, tamén na USC.

Desde o ano 1995 exerce como profesor de Latín, Grego e Cultura Clásica no IES
Fontexería de Muros (A Coruña), centro no que tamén desenvolveu o labor de coordinador de Biblioteca entre os anos 2000 e 2019. Na súa faceta docente, recibiu unha mención na VII Edición do Certame EducaCompostela, polo seu traballo Ad Latinitatem, un conxunto de materiais educativos interdisciplinares destinados á materia de Latín do nivel de 4º ESO. Na súa faceta profesional tamén destaca o seu labor de tradutor para distintas editorias.

Compartir: