MOBILIDADE

A nova estación de autobuses acolle a exposición "Pola túa saúde, móvete de xeito sustentable"

24/09/2021 Con motivo da Semana Europea da Mobilidade, a nova estación de autobuses acolle unha exposición baixo o lema "Pola túa saúde, móvete de xeito sustentable", organizada polo Concello de Santiago e a Asociación Cívica Composcleta.

Esta exposición, aberta a todo o público en horario de funcionamento da terminal, ten como obxectivo concienciar a cidadanía sobre a necesidade de adoptar formas de vida saudables.

Nela abórdanse varios temas: medio ambiente e clima; enerxía e recursos; saúde; educación e sociedade; economía; tempo e espazo; sociedade; mobilidade; e cultura. En cada un dos paneis pódense ver pequenas explicacións sobre cada un dos temas con citas de persoas destacadas e que buscan facer reflexionar sobre os costumes do día a día e a súa incidencia na sustentabilidade.

O lema da SEM 2021, "Pola túa saúde, móvete de xeito sustentable", guía esta exposición e convértese no nexo de unión da mesma.
No que respecta ao medio ambiente e clima, pode lerse que a contaminación do aire é o maior risco de orixe medioambiental para a saúde das persoas en España, así coma que o coste sanitario desta contaminación se sitúa entre o 2% e 5% do PIB, é dicir, entre 400 € e 1100 € por habitante e ano. No mesmo bloque temático faise referencia á contaminación acústica: a emisión de ruído por parte do tráfico en zonas urbanas é unha fonte de diferentes problemas graves para a poboación. Estes efectos inclúen a perturbación do sono e do estado de ánimo, a redución da capacidade cognitiva dos nenos, enfermidades coronarias e hipertensión.

Os beneficios da mobilidade activa en medios de transporte como a bicicleta ou os desprazamentos peonís son innumerables. Sirva de exemplo o feito de que a utilización de cando menos 15 minutos de mobilidade activa en bicicleta ao día, sexa para ir ao traballo, a mercar ou outros propósitos, cumpre coas recomendacións médicas de exercicio para adultos así coma que é unha actividade física fácil de incorporar á rutina diaria. Nos barrios onde é posible camiñar para ir ao traballo e ao comercio local, a poboación ten un risco asociado por obesidade un 35% menor.

Un dos grandes problemas sanitarios na actualidade é a saúde mental; neste caso, o uso habitual da bicicleta mellora a sensación de benestar, autoestima e reduce o estrés e o cansazo xeral. Mellora tamén a calidade do sono e a coordinación motora, diminuíndo o risco asociado a doenzas graves como alzheimer (29%), declive cognitivo (26%) ou depresión (17%).

Compartir: