XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a licenza para a demolición da vella estación de autobuses

20/09/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, informou en rolda de prensa dos acordos adoptados nas últimas Xuntas de Goberno, entre os que destaca a concesión á Xunta de Galicia da licenza para a demolición da vella estación de autobuses de Compostela, ubicada na Praza Díaz Baliño, cun orzamento de execución material de 1.015.036,53 euros.

En concreto, o rexedor informou da Xunta de Goberno Local ordinaria celebrada hoxe, e da extraordinaria, convocada o pasado venres a última hora da mañá, na que, ademais da licenza de demolición da vella estación de autobuses, deuse luz verde á adxudicación do contrato "Reforma do viario A Pajuela – Campo da festa de Marrozos (fase II)", a favor da empresa Alcomte Galicia, por un importe total de 206.628,24 euros, IVE incluído.

Ademais, aprobouse a proposta de resolución para a concesión de subvencións para o fomento de actividades e programas a favor da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo lésbico, gai, transexual, bisexual, Queer e intersexual (LGTBQI) de prevención e loita contra as violencias machistas para o ano 2021, da que se van beneficiar 12 entidades. O orzamento destinado a estas subvencións é de 30.000 euros.

Expedientes de crédito
Por outra banda, o executivo local deu o visto bó inicial a tres expedientes de crédito. O primeiro, aprobado na Xunta de Goberno Local extraordinaria do venres, por 370.493,48 euros, que ten por obxectivo, segundo explicou o alcalde, o subministro de vehículos eléctricos puros e vehículos eléctricos con etiqueta ambiental ECO e infraestrutura de recarga "destinados á policía local". Esta modificación de crédito está financiada con remanente líquido de tesourería para gastos xerais do Concello do exercicio 2020 por 12.513,47 euros e con baixas noutros créditos de gastos por importe de 357.980,01.

Xa na Xunta de Goberno Local de hoxe aprobouse o expediente de crédito extraordinario por importe de 36.196,76 euros para reforma da instalación eléctrica do centro Xove de Creación Cultural da Almáciga, e a súa separación, segundo sinalou o rexedor, da conexión do CEIP Apóstolo Santiago. E deuse luz verde a outro expediente de suplemento de crédito por 7.000 euros para a adquisición de motocicletas para a policía local.

O alcalde tamén informou que se declarou deserta a licitación de catro proxectos: o de "Prestación dos servizos de redacción do proxecto básico é de execución e dirección facultativa das obras do Centro Integral para a inclusión Social (EDUSI - REVIVE COMPOSTELA)"; o de "Prestación do servizo de redacción de anteproxecto, proxecto básico e de execución e dirección facultativa de obras da "Recuperación do Campus Sur para o cidadán", vinculada a EDUSI-REVIVE COMPOSTELA. e cofinanciada nun 80% polo FEDER"; o de "Subministración de combustible líquido, pago de peaxes e material de mantemento básico dos vehículos integrantes do parque móbil do Concello de Santiago de Compostela"; e o do "Servizo de lacería para a recollida de animais abandonados, perdidos, domésticos ou salvaxes, de competencia municipal no Concello de Santiago de Compostela". En ningún deles se presentaron ofertas.

Documentos relacionados



Compartir: