DEPORTES

Aberto dende o 21 de setembro ao 5 de outubro o prazo para solicitar as axudas ao deporte federado

20/09/2021 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, anunciou en rolda de prensa a apertura do prazo para a solicitude das subvencións destinadas ao fomento do deporte federado, e deu conta das novas medidas vixentes á hora de empregar as instalacións deportivas municipais.

O BOP de hoxe, luns 20 de xuño, publica o acordo de Xunta de Goberno polo que se aproban as bases e a convocatoria de subvencións destinadas ao fomento do deporte federado ano 2021, cuxo prazo de solicitude estará aberto dende mañá, martes 21 de setembro, ata o vindeiro 5 de outubro (15 días naturais). A concelleira recalcou o prazo e fixo un chamamento ás entidades interesadas para que soliciten as axudas no tempo establecido. A convocatoria conta cun total de 300.000 euros, "a de maior contía dos últimos anos", salientou.

Uso das instalacións deportivas
Esther Pedrosa avanzou tamén as modificación no uso ordinario das instalacións durante o desenvolvemento das actividades deportivas (adestramentos) que se introudicirán a partir da vindeira semana, "tendo en conta a situación sanitaria actual e as medidas establecidas pola Xunta:

1.- Redución do período de desinfección/ventilación estipulada entre quenda e quenda de actividade no uso dos recintos definíndose unha nova rotación por tipo de instalación:

• Polideportivos e campos de fútbol: será necesario que a instalación quede baleira antes de que poida acceder o seguinte grupo de adestramento, dado que unicamente se realizará labor de desinfección nos asentos dedicados ao cambio de roupa.
Nos caso concreto dos polideportivos será obrigatorio realizar tarefas de ventilación periódicas durante o desenvolvemento da actividade, así como desde o remate da mesma ata o inicio da seguinte.

• Salas deportivas/musculación: establécese un tempo de 15 minutos para ventilación/desinfección entre a saída dun grupo e a entrada do seguinte.

A concelleira sinalou que "para que sexa efectiva esta rotación será necesario que as entidades que teñen asignación de uso nestes momentos envíen, considerando o horario provisional reservado, un novo cuadrante de ocupación para a súa validación e remisión, se procede, á empresa contratada para a prestación do servizo de limpeza e conserxería. Se non se recibe o cuadrante solicitado, non se poderá aplicar esta redución, polo que se considerará que a entidade non ten interese en mudar a rotación na ocupación das instalación".

2.- Ampliación do grupo de adestramento por cada medio campo de fútbol naqueles supostos nos que convivan, como grupo estable, dous equipos de fútbol 8. O máximo actual é de 25 persoas (incluidos adestradores), permitíndose un abano de 25 a 30 participantes (incluidos adestradores).

Esther Pedrosa recalcou tamén que "a práctica da actividade deportiva federada de ámbito autonómico, adestramentos e competicións, axustaranse aos correspondentes protocolos Fisicovid-Dxtgalego aprobados e normas vixentes. No caso das competicións deportivas federadas de nivel nacional e os seus adestramentos desenvolveranse de acordo ao establecido pola administración competente e de conformidade coas limitacións establecidas nos protocolos federativos correspondentes".

En todo caso, os grupos deberán corresponder a equipos completos e ser grupos de composición estable, organizándose obrigatoriamente segundo o previsto nos protocolos federativos de aplicación aprobados pola Secretaría Xeral para o Deporte para cada disciplina deportiva, así como respectar os aforos máximos determinados por instalación no Protocolo Básico de Actuación para o uso das Instalacións Deportivas Municipais durante a incidencia da Covid-19.

Solicitudes de cesión das instalacións deportivas municipais
A respecto das instalacións, a concelleira referiuse ás solicitudes recibidas para o seu uso, dentro da convoctoria de cesión de instalacións deportivas municipais. "Recibíronse 80 solicitudes que se están valorando e agardamos que esta semana quede feito o reparto", indicou.

Obras
Esther Pedrosa tamén se referiu ás obras que acomete o seu departamento: "moi probablemente comezará a finais desta semana a obra de remodelación da praza de acceso ao campo de fútbol de Santa Isabel", unha obra que foi licitada por unha contía de 59.500 euros máis IVE e que ten como obxecto "a mellora do firme da zona de acceso ás bancadas do campo de fútbol base máis importante da cidade, que permitirá homoxeneizar todo o exterior e normalizar o acceso a persoas con mobilidade reducida". Esta obra súmase á que se está a executar no campo de fútbol do sergas e que "vai permitir unha mellora total do terreo de xogo, ampliación dun espazo de quecemento e mellora das bancadas".

Documentos relacionados



Compartir: