DEPORTES

Santiago acolle o domingo 26 o relevo final da carreira "Red Bull Buen Camino"

20/09/2021 A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, presentou en rolda de prensa a carreira de relevos que percorrerá o Camiño Primitivo dende o día 24 ata o día 26. Os participantes partirán de Oviego e chegarán a Santiago, despois de 314 quilómetros. A edila estivo acompañada polo organizador do evento, Jesús Rodríguez.

A "Red Bull Buen Camino" trátase dunha carreira de relevos na que "os corredores vivirán unha experiencia inolvidable e que aúna esixencia física, estratexia e camaradería", sinalou a concelleira, que definiu a proba como unha "forma moi bonita de promocionar este camino".

Participarán equipos de 6 corredores que completarán por relevos os 314 quilómetros que separan a capital asturiana da galega. Os descansos levaranse a cabo nos albergues e "as tradicións do Camiño estarán moi presentes", como indicou o organizador do evento.
O último relevo, o domingo 26, entrégase no Monte do Gozo. Este será un punto de reagrupamento, dende onde partirá o último sprint, que completarán todos os componentes do equipo xuntos, de forma que todos cheguen á praza do Obradoiro.

Camiño Primitivo
O Camiño Primitivo é o Camiño de Santiago que desde Oviedo se dirixe a Compostela polo interior de Asturias e Galicia. Debe a súa orixe á peregrinación do rei Alfonso II de Asturias no século IX, a primeira da que se conservan referencias.

"É o camiño máis duro pero á vez o máis bonito", apuntou Rodríguez, con 314 quilómetros atravesando bosques asturianos e galegos, pasos de montañas e pequenas aldeas. No seu camiño cara a Santiago os corredores atravesarán a muralla romana de Lugo para chegar ao seu casco antigo, entre outros moitos puntos de interese. "O Camiño primitivo é historia viva de España, desde hai máis de 1.000 anos ve como os seus peregrinos camiñan rumbo a Santiago de Compostela que agora se reinventa".

Compartir: