ALCALDÍA

O alcalde de Santiago participa na presentación da PEJ, que convertirá a Compostela en capital da xuventude en 2022

07/08/2021 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe na presentación da Peregrinación Europea da Xuventude (PEJ) a Santiago de Compostela, que se celebrará do 3 ao 7 de agosto de 2022, xunto ao arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio; o bispo auxiliar de Valencia e presidente da Subcomisión Episcopal para a Mocidade e a Infancia da Conferencia Episcopal Española (CEE), Arturo Pablo Ros, e o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.

Na quenda de intervencións, moderadas polo director do Departamento de Mocidade da Conferencia Episcopal de España (CEE), Raúl Tinajero Ramírez, Sanchez Bugallo sinalou que é un motivo de orgullo para Santiago de Compostela, acoller o próximo ano, esta terceira Peregrinación da Xuventude, "que nos permite coñecer a xóvenes estupendos de moitos países europeos, convivir con eles e velos desfrutar das nosas rúas e da nosa cidade; e que compartan con nós as ideas e a alegría que nos tran". O rexedor destacou a colaboración coa Igrexa e coa Xunta, "para que este encontro sexa un gran éxito". E tamén agradeceu ao Vaticano, a decisión de prolongar o Ano Santo durante todo o 2022. "Espero comunicarlle, nesta mesma Praza, ese agradecemento e esa alegría á Súa Santidade. O alcalde rematou dándolle "moito ánimo" á xuventude: "sodes o noso futuro e a nosa esperanza", sinalou.

A presentación, que se desenvolveu na Praza do Obradoiro, estivo precedida, segundo informou a CEE nun comunicado, dunha peregrinación das persoas asistentes, que saiu desde o Monte do Gozo sobre as deza da mañá. Entre elas, representantes das Conferencias Episcopais de España, Portugal e Italia; membros da organización da JMJ de Lisboa en 2023; do Consello Nacional de Mocidade e da Comisión organizadora da PEJ 22.

Xunto a eles, participaron 150 voluntarios que percorreron simbolicamente os últimos quilómetros do Camiño Francés, uníndose a outro grupo de mocidade que chegou peregrinando desde Roncesvalles.

A xornada continuará pola tarde, con reunións de traballo e encontros formativos do voluntariado, concerto e diversas actividades no Seminario Menor de Belvís.

A peregrinación da mocidade a Santiago, estaba prevista, en principio, para o mes de agosto de 2021 pero, debido á pandemia da Covid-19, trasladouse ao mes de agosto de 2022, despois de que se coñecese a decisión adoptada polo Papa Francisco de prolongar o Ano Santo Compostelán até finais do ano 2022.

Compartir: