XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno Local aproba a adxudicación de tres obras, entre elas a reurbanización da rúa do Hórreo, por un importe de case 900.000 euros

03/08/2021 A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou hoxe a adxudicación de tres obras por un importe, IVE incluído, de 897.119,34 euros. Son a reurbanización da rúa do Hórreo fronte á estación intermodal; o proxecto de rexeneración do pavimento da Av. de Asturias e o acondicionamento da praza de acceso ao campo e fútbol de Santa Isabel. Tamén se acordou a posta a disposición da Consellería de Cultura da subparcela 1327 de concentración de Sabugueira para a realización de obras para a ampliación do CEIP Mestre Rodríguez Xixirei.

O executivo municipal acordou adxudicar o contrato denominado "Execución das obras de reurbanización da rúa do Hórreo no ámbito fronte á Estación Intermodal" a favor da empresa Eulogio Viñal Obras y Construcciones, S.A.por un importe de 505.715,43 euros sendo a súa oferta a máis vantaxosa das presentadas.

O proxecto, que ten un prazo de execución de 5 meses, diferencia dúas zonas: o ámbito entre Fernando III o Santo e Santiago León de Caracas, e o situado entre Santiago León de Caracas e a Avenida de Lugo.

No primeiro ámbito, na marxe colindante cos terreos da estación, proponse a creación dunha gran zona intercambiadora para o transporte público metropolitano e urbano, segregando dous dos tres carrís da calzada para o seu uso exclusivo: o carril xunto á beirarrúa, para efectuar a parada de ata 8 autobuses metropolitanos e 4 urbanos; e o carril colindante, de circulación de autobuses. Na beirarrúa proponse a formalización de varias zonas de espera cubertas vinculadas ás paradas de autobus. Na marxe contraria establécense dous carrís de uso xeral cunha zona de parada de autobús no carril colindante á beirarrúa entre as rúas Santiago León de Caracas e San Pedro de Mezonzo. Na beirarrúa formalízase un carril bici e una pequena zona verde xunto ao mesmo con arboredo.

A zona entre Santiago León de Caracas e a avenida de Lugo é o ámbito obxecto do proxecto de obras. Proxéctase una gran praza de acollida e antesala da cidade e da estación. Trátase dun espazo en plataforma lixeiramente elevado fronte á rasante da calzada actual e aproximadamente ao nivel das beirarúas existentes. Dous vaos, un en cada extremo do andén, dan acceso ao mesmo, entrando na zona de convivencia peóns - vehículos. Este ámbito abarcará dende a rúa Santiago León de Caracas ata Manuel Murguía, o que significa que tanto a nova pasarela como o ascensor e escaleiras existentes desembarcarán aquí.

Mediante a disposición duns xardíns lineais, defínense tres zonas, de maneira que dúas delas, a carón da estación e das vivendas, son exclusivas de uso peonil e unha terceira servirá de soporte a un tráfico mixto vehículos-peóns con prioridade para estes últimos. Esta terá unha maior sección permitindo rodar en ambos os sentidos.

En canto ás infraestruturas, o proxecto contempla o mantemento das redes xerais preexistentes, coa reforma daquelas que o requiren debido á nova configuración: saneamento, rego e rede de alumeado público.

Outros acordos
Na Xunta de Goberno tamén se aprobou adxudicar o contrato denominado "Execución do proxecto de Rexeneración do pavimento da calzada da Avda. de Asturias" á empresa Explotaciones Gallegas, S.L., por un importe de 338.214 euros; e o proxecto de "Acondicionamento da praza de acceso ao campo de fútbol de Santa Isabel" a Servicios Mediomabientales del Miño, S.L., por unha contía de 53.189,91 euros.

Por outra banda, aprobouse o expediente denominado "Execución do proxecto Ampliación da rede de abastecemento en Piñeiro de Enfesta, Frades e Gunín (Enfesta)" (POS+Adicional 2/2020) e a apertura do procedemento de adxudicación baixo a modalidade de aberto, establecéndose un tipo de licitación de 84.787,9 euros.

Tamén se acordou a posta a disposición da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia da subparcela "A", que forma parte da parcela municipal 1327 da concentración parcelaria de Sabugueira-Carballal para a realización de obras contidas na memoria valorada "Proposta de peche de parcela para usos educativos no CEIP Mestre Rodríguez Xixirei de Santiago de Compostela" de 25/06/21" coa finalidade de que se poidan realizar as obras de ampliación do centro contidas na mesma.

O último asunto destacado foi a aprobación do expediente denominado "Contratación dun seguro de responsabilidade civil patrimonial do Concello de Santiago de Compostela" e a apertura do procedemento de adxudicación baixo a modalidade aberto, establecéndose un tipo de licitación de 300.000 euros exento de IVE.

Compartir: