ALCALDÍA

APERTURA DA TERCEIRA CONVOCATORIA DE AXUDAS: PLAN DE REACTIVACIÓN ECONÓMICA E SOCIAL DE SANTIAGO (PRESS)

07/05/2021 O Concello de Santiago abre a terceira convocatoria de axudas destinada a paliar os efectos provocados polas medidas restritivas ditadas pola autoridade competente para frear a pandemia. Estas axudas se convocan no marco do convenio de colaboración asinado coa Deputación da Coruña para o desenvolvemento do Plan de reactivación económica e social do Concello de Santiago, cunha achega provincial dun millón de euros.

INFORMACIÓN SOBRE RESOLUCIÓNS DE CONCESIÓN
O venres 3 de decembro de 2021 publícase a Resolución do concelleiro de Turismo relativa á publicación das listaxes de concesións, en lista de agarda e denegadas relativa á Convocatoria de axudas para o rescate da restauración, hospedaxe e Turismo do Concello de Santiago de Compostela afectado pola crise da covid-19, anualidade 2021. Poden consultarse ao pé desta información e neste enlace.

O luns 18 de outubro faise pública a resolución do alcalde pola que se publica a relación das axudas concedidas e denegadas ao abeiro da convocatoria de axudas para o rescate do comercio local afectado pola Covid 19, anualidade 2020. Pode consultarse ao pé desta información e neste enlace.

INFORMACIÓN SOBRE PRAZOS DE SOLICITUDE
As axudas poden solicitarse dende o día seguinte á súa publicación no BOP e por un prazo de 15 días naturais.

- as axudas ao sector comercial foron publicadas o venres 7 de maio. Abrirase o prazo de presentación o sábado ás 9h da mañá e rematará o luns 24 de maio (xa que os 15 días rematan en sábado. Ao ser día inhábil, o prazo enténdese que remata o inmediato día hábil seguinte).

- as axudas aos sectores da hospedaxe, restauración e turismo foron publicadas o luns 10 de maio. Ábrese o prazo de presentación o martes 11 ás 9h da mañá e rematará o martes 25 de maio.

- as axudas ao sector cultural (sector profesional) foron publicadas o martes 18 de maio. O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP da Coruña.

TITORIAL
Pode consultarse ao pé desta información un titorial sobre como solicitar as axudas convocadas polo Concello de Santiago para o rescate dos sectores económicos afectados pola crise da Covid-19, anualidade 2021: comercio, restauración, hospedaxe e turismo.

O titorial componse de tres partes: na primeira explícanse os contidos básicos da convocatoria.

Na segunda parte cúbrese o formulario específico de solicitude para o sector COMERCIO, o modelo CS006A, a modo de exemplo, á vez que se explica o contido dos campos que se deben cubrir. O formulario específico de solicitude para restauración, hospedaxe e turismo é o modelo CS006B. Ambos os formularios son moi parecidos polo que as explicacións son válidas para as dúas convocatorias.

E, para rematar, accédese á sede electrónica do Concello de Santiago para simular a presentación telematica da solicitude xunto coa documentación requirida.

CONTÍA DAS AXUDAS
En total, son 5.200.000 euros para esta convocatoria de axudas, dos que 4.256.097 se corresponden con axudas directas: 1.904.000 para o comercio; 1.747.105 para a hostalería; e 604.992 para a cultura. Ademais, destinaranse 150.000 euros ao bono parking; 600.000 ao bono-compra, que se fará efectivo a partir do 1 de setembro por petición expresa das asociacións; e 200.000 para actividades de promoción comercial.

Compartir: