ACCIÓN CULTURAL

Preséntase Compostela Filmada que ten como obxectivo difundir a vinculación de Santiago co mundo do cinema

05/05/2021 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou Compostela Filmada, unha inciativa que ten como obxectivo dar a coñecer a intensa vinculación do Concello de Santiago co mundo do cinema. Este proxecto, coordinado por Óscar Senra, presente na rolda de prensa, artéllanse en torno a web compostelafilmada.gal, "unha ferramenta extraordinaria", en palabras de Rosón, "para pór en valor outra forma de patrimonio".

Mercedes Rosón recordou que Santiago foi escenario de "máis de 90 filmes e doutros tantos documentais, curtametraxes e series", todos recollidos na web, igual que festivais como Cineuropa, Curtocircuito, Amal ou MICE. "Este rico patrimonio cinematográfico do que desfrutamos", engadiu, complétase coa Compostela Film Comission, e que converte á nosa cidade nun gran plató de cine.

Óscar Senra explicou que compostelafilmada.gal condensa toda a información atopada sobre cine na que a "cidade de Santiago ten certo protagonismo". E que o seu principal obxectivo é dar unha visión panorámica desa rica relación entre a cidade e o cinema, a través dunha páxina estruturada ao estilo de guía cinematográfica, onde se recollen múltiples recursos. Por iso animou a todas as persoas que dispoñan de material e contidos relacionados con esta tématica, que os envien para incorporar á web.

Entre eses recursos dous mapas, un que ofrece un paseo pola historia das rodaxes realizadas en Santiago, e o Mapa dos Cinema(tógrafo)s, onde se relembran as salas de proxección históricas da cidade.

Tamén hai un apartado de recursos, que inclúe unha recompilación bibliográfica, unha selección de biografías de persoas relacionadas tanto co mundo do cinema como coa nosa cidade, tres liñas do tempo (unha xeral, outra que mostra a historia a través das rodaxes aquí realizadas, e unha terceira sobre o cineclubismo), e un amplo inventario de rodaxes; así como un apartado de galerías fotográficas, con carteis, trailers e vídeos completos de filmes, series, curtametraxes e documentais.

A eles únense unha recompilación bibliográfica, unha selección de biografías de persoas relacionadas tanto co mundo do cinema como coa nosa cidade, tres liñas do tempo (unha xeral, outra que mostra a historia a través das rodaxes aquí realizadas, e unha terceira sobre o cineclubismo) e un amplo inventario de rodaxes.

Tamén incorpora un blog, segundo explicou Óscar Senra, con diferentes novas ao redor de Compostela Filmada, entrevistas a persoas do mundo do cinema relacionadas co concello, e artigos que desenvolven distintas temáticas cinematográficas.

Segundo sinalou, a primeira filmación en Santiago, que non se conserva, é de 1910, e a segunda, presente na web, de 1920. Desde entón, a cidade foi escenario de case un centenar de rodaxes. Por Compostela pasaron directores e directoras recoñecidos internacionalmente, como Luís Buñuel, Stanley Kramer ou Pedro Almodóvar; e actores e actrices míticos como Cary Grant ou Ornella Muti. Santiago tamén se converteu en plató de importantes producións galegas, como O lapis do carpinteiro, 13 badaladas ou 18 comidas; sen esquecer, apuntou Óscar Senra, que foi berce de directores como Alfonso Zarauza, de experiencias como o Grupo Lupa, de compositores como Nico Casal ou cidade de acollida de Margarida Ledo Andión, Luís Tosar ou Mabel Rivera.

Documentos relacionados



Compartir: